Cabecera Vide

Xabier Alonso recibiu á mellor pivote do mundo, a viguesa Begoña Fernández, que desexa disputar os Xogos de Londres 2012

xabieralonsobegonafdezO concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte, Xabier Alonso, recibiu o día de Noiteboa á balonmanista internacional Begoña Fernández Molinos (Vigo, 1980) na Concellería de Deportes, a fin de felicitala persoal e oficialmente polo seu nomeamento como mellor pivote do mundo e polo cuarto posto acadado no Campionato Mundial celebrado en China. Durante uns 40 minutos, o edil interesouse polo desenvolvemento da competición mundialista, congratulouse de que a viguesa fora incluída no equipo ideal do torneo da IHF, “ao que nos tes xa afeitos”, e preguntou á xogadora sobre a marcha da Liga e os días de vacacións que esta tiña por Nadal. Begoña confesou que “unha nunca se afai a estes títulos”, en relación a levar dous anos consecutivos en seleccións ideais (en decembro de 2008 foi elixida mellor pivote do Vello Continente tras o Europeo de Macedonia, e este ano foino do mundo), ademais de agradecer este recoñecemento do Concello de Vigo á súa traxectoria.

O concelleiro fixo entrega á pivote dun obsequio institucional que se dá aos deportistas máis destacados, o último libro editado polo Concello sobre Vigo, obra de Eduardo Rolland e o fotógrafo Javier Teniente. Alonso destacou que cando estudaba e traballaba fóra de Galicia gustáballe explicar aos seus compañeiros como era Vigo, e celebrou que Begoña “estea levando o nome de Vigo por todo o mundo”. A viguesa recoñeceu que as súas compañeiras coñecen a cidade polo que ela cóntalles.

Begoña Fernández apenas terá tempo para gozar da súa familia: regresará o luns 28 a Estella, localidade onde xoga o Itxako Reyno de Navarra, líder do campionato estatal, para preparar os seguintes compromisos “porque o día 5 volve a Liga (en casa diante do León) e tamén temos competición europea” (o 10 en Romanía fronte ao Oltchim Ramnicu Valcea), comentoulle ao edil nacionalista.

Ante os medios de comunicación e nun ambiente distendido, Begoña dixo estar “contenta” polo cuarto posto alcanzado, recoñeceu haber “traballado moito e duro” para chegar á actual situación deportiva persoal e amosouse feliz por “estes actos, que se agradecen”. Respecto da súa carreira deportiva, a pivote foi contundente: “Non me gustaría retirarme sen ir a uns Xogos Olímpicos, aínda que sei que será complicado”.

Ao longo do encontro co concelleiro, Begoña estivo acompañada pola súa familia, noivo (o vigués olímpico en Atenas Juan Zunzunegui) e o presidente da Federación Galega de Balonmán (José Luis Pérez Ouro). O concelleiro tamén tivo tempo para departir coa irmá de Begoña, Paula, xogadora do Balonmán Porriño, á que lle desexou moitos éxitos deportivos. Begoña tamén militou no club porriñés antes de dar o gran salto.