amfivCésar Iglesias e Óscar Carbajo xa teñen o equipo ao completo para preparar o inminente inicio da nova tempada, o próximo 11 de outubro en Almería fronte ao Cludemi. O corpo técnico do Amfiv recibirá esta noite á última incorporación do conxunto vigués, o americano Savoy Brown, quen sae por primeira vez de Estados Unidos e terá apenas quince días para adaptarse a un novo país, a un novo club e aos seus novos compañeiros.

Por se fose pouco, Savoy chega ao Amfiv despois de non xogar en ningún equipo a tempada pasada, que decidiu dedicar a finalizar os seus estudios e coidar da súa nai enferma.

"Sen dúbida, é unha aposta arriscada porque Savoy leva bastante tempo inactivo e outros conxuntos o rexeitaron por ese motivo e, sobre todo, polo seu físico. Trátase dun xogador moi grande pero, polo que puidemos ver nalgúns vídeos, iso non vai ser un problema. Todo o contrario. Vainos achegar cousas moi interesantes. Nós confiamos nel e nas súas calidades e de aí que decidiramos facer esta aposta. Estamos seguros de que Savoy nos devolverá esa confianza tanto dentro como fóra da pista", explica José Antonio Beiro, director deportivo do Amfiv, quen subliña que "dende que empezamos a falar con el, nos encantou a súa actitude. De feito, estaba disposto a pagar do seu propio peto os billetes para vir aquí e facer unha proba co equipo. Ese xesto foi o que acabou de convencernos de que tiñamos que apostar por el e lle dar a oportunidade de demostrar a súa valía aquí no Amfiv".

As referencias doutros ex xogadores do conxunto vigués como Agustín Alejos ou o tamén americano David Rodarte que nalgún momento das súas carreiras mediran forzas con Savoy Brown, tamén foron importantes. "Todos nos dicían o mesmo, que non nos fiásemos do seu físico porque se trata dun bo xogador e, ademais, moi boa persoa,", incide o máximo responsable deportivo do conxunto vigués, quen subliña que "o acordo foi moi sinxelo porque Savoy tamén é consciente de que somos un club serio pero que non pode pagar grandes cantidades aos seus xogadores. O máis complicado foi todas as xestións para conseguir o visado. Iso si que nos levou bastante máis tempo e traballo".

Finalmente, todos os trámites están xa solucionados e o xogador clase 4 americano aterrou sen problemas no aeroporto de Peinador e este mesmo xoves adestrará xa co resto dos seus compañeiros. "Coa chegada de Savoy pechamos un equipo amplo, con numerosos recursos e combinacións á hora de facer quintetos, e moi interesante. Todos os xogadores terán a oportunidade de demostrar as súas condicións e facerse un oco no equipo sen depender doutros polo tema das puntuacións. Somos prudentes porque sabemos que disputamos, posiblemente, a mellor liga do mundo e que nos medimos a rivais cun potencial económico moi superior ao noso pero tamén somos optimistas. Malia todo, mantemos a grande maioría do grupo que tan bos resultados conseguiu as dúas últimas campañas e confiamos en que coas incorporacións de Jose Teijido e Manu Lorenzo procedentes do Basketmi e do polaco Karol Szulc e agora o americano Savoy Brown poidamos seguir nesa mesma liña", finaliza Beiro.

Non obstante, César Iglesias aínda non poderán contar co seu equipo ao completo para preparar o próximo inicio da tempada posto que o portugués Filipe Carneiro continúa arrastrando molestias no seu ombro esquerdo. Filipe, por prescrición dos médicos e fisioterapeutas do Hospital Vithas Nuestra Señora de Fátima, tivo que parar por completo esta semana e se a recuperación segue a liña esperada, a próxima podería xa incorporarse progresivamente ao traballo co grupo.