Cabecera Vide

O Blusens Universidade de Vigo gaña o seu primeiro partido da tempada

diego_dolanO Blusens Universidade de Vigo levou onte en As Lagoas Marcosende a primeira vitoria da tempada, ao vencer ao FC Barcelona por un axustado 22 a 20, nun partido áspero no que o equipo vigués empezou gañando con facilidade, pero que ao final do partido debeu remontar.

Reaccionaría levemente o Barcelona, que se vía desbordado no xogo e tivo que apelar a ralentizar o xogo. Xogando ao límite nos foses de xogo, nas entradas dos rucks, e mesmo con varias accións dignas de sanción, foi levando o partido ao seu terreo para dalo volta antes do descanso, cos ensaios do apertura Staat e o opulento centro Belda, máis as 2 transformacións e os 2 extraordinarios golpes de castigo pasados dende o centro do campo polo propio 10. Como minutos despois do primeiro ensaio visitante González pasara un golpe de castigo, chegábase ao descanso co resultado parcial de 15 a 20.

Serían os últimos puntos que marcaría o equipo catalán, xa que malia xogar mellor na segunda metade se atopou cun Blusens Universidade moi forte en defensa que non lle permitiu chegar á súa zona de marca. O Blusens Universidade de Vigo aguantou e ademais intentábao dende calquera parte do campo. Outra vez as touche e a loita foron os puntos fortes do equipo vigués. Aínda que o árbitro fixo unha repartición case parella de tarxetas amarelas, 3 pola visita e 2 polo Blusens Universidade, dende fóra, era a impotencia dos cataláns a que máis se percibía. Produto da última agresión con amarela de Castells, o Blusens dispoñía a falta de 5 minutos dun alcanzable golpe de castigo que decidiu xogar á touche moi preto de ala bandeira. A xogada posterior acabou cun maul que se introduciu en zona de marca con Maka Tatafu portando o balón e empatando o marcador a 20. A posterior patada de Paul González non era doada, pero entrou rozando un dos postes para poñer novamente por diante do marcador o seu equipo ante o delirio da bancada. Os últimos minutos foron de ataque do Barcelona, pero a contención en defensa sen golpes do Blusens Universidade no seu campo deulle a primeira vitoria da tempada, non sen sufrimento, xa que Staat intentou 2 disparos de drop goal que non pasaron entre paus nos últimos instantes do partido.

Agora o Blusens Universidade de Vigo suma 8 puntos na clasificación, e terá descanso a próxima semana para visitar Madrid o sábado 18 para o seu encontro ante o Cisneros, que perdeu no seu último partido ante o Hermi El Salvador pero que marcha na terceira praza.

Blusens Universidade de Vigo (22): Marcos Muñiz, Vicente Prieto (C), Maka Tatafu, Rubén Rodríguez, Carlos López, Adrián Fernández, Javier Abadía, Mpho Mbiyozo, Borja Vera Garcia-Portillo, Andrew Parata, Paul González, Carlos de Cabo, Javier A. Parga, Luis Losada e Jose Calvo. Tamén xogaron: Juan M. Rodriguez, Mariano Berlande, Victor Salgado, David Riveiro e Adolfo Rodriguez Uruburo. Suplentes: David Redondo e Alvaro Caride.

FC Barcelona (20) (b): Tim Vilaseca, Daniel Márquez, Josep Nart, Mehdi Ameur, Francisco Montes, Alex Palomo, Sergio Guerrero (c), Iván Gurriere, Delfín Cambiaso, Rafa Staat, Antonin Kurzmann, Cristian Belda, Joan Losada, Alvaro Allen, e Oriol García. Tamén xogaron: David Ochovo, Omar Miniño, Eduard Castells e Antoni Murciano. Suplentes: Iván Fortes, Gitareau, Ocampo e Felipe Martínez.

Tanteador:
Min 12 ensaio de Paul González transformado por el mesmo, 7 a 0
Min 17 ensaio de Mpho Mbiyozom 12 a 0
Min 22 ensaio de Rafa Staat transformado por el mesmo, 12 a 7
Min 28 golpe de castigo pasado por Pual González, 15 a 7
Min 31 ensaio de Belda, transformado por Staat, 15 a 14
Min 34 golpe pasado por Staat, 15 a 17
Min 36 golpe pasado por Staat, 15 a 20
Descanso
Min 75 ensaio de Tatafu, transformado por Paul González, 22 a 20

Incidencias: unhas 500 persoas en As Lagoas Marcosende. O árbitro Mirat mostrou tarxetas amarelas a Calvo (44 ´) e Berlande (63 ´) do Blusens, e a Gurriere (20 ´), Amels (51 ´) e Castells (74 ´) polo lado do Barcelona.

Fotografía de Diego Dolan.