O Octavio volve ao cole

Imprimir

IMG-20141006-WA0003O Academia Octavio 'volve ao cole' unha semana máis. Tras chegar a madrugada do luns de Algemesí (Valencia), onde o domingo o equipo de Javier Fernández 'Jabato' disputou a súa eliminatoria da Copa do Rei (Interestar Deporte Maristas Algemesí 34-31 Academia Octavio), a primeira hora do luns varios xogadores, acompañados polo adestrador, visitaban as instalacións do C.E.I.P Doutor Fleming (Vigo).

Por terceira semana consecutiva, os membros do equipo e do corpo técnico do Octavio continúan coa iniciativa de captación e promoción do balonmán nos distintos colexios da cidade. A día de hoxe, o club académico xa visitou o C.E.I.P Altamar, C.E.I.P Balaídos, Colexio Lar e C.E.I.P Javier Sensat (en Alcabre). Nas dúas primeiras semanas desta actividade, máis de seiscentos nenos gozaron do mellor balonmán vigués e cambiaron a rutina nas súas clases de Educación Física. A dinámica, moi sinxela e atractiva, coa finalidade de enganchar os máis pequenos a este deporte: un vídeo con xogadas espectaculares, uns lanzamentos realizados por eles mesmos e un partido de balonmán con todos os seus compañeiros, contando coa axuda dos xogadores do equipo de División de Honra Prata.

Ao final da actividade, dirixida aos nenos dos cursos comprendidos entre 1º de Primaria e 2º de E.S.O, entrégaselles un convite para os partidos do Academia Octavio. Moitos xa acudiron cos seus pais a As Travesas e gozaron da vitoria do equipo de 'Jabato' contra o Zumosol ARS Palma do Río (29-27).