O Xuvenil caeu derrotado na Copa Galicia ante o Zalaeta

Imprimir

xuvenilA Copa Galicia de voleibol feminino 2014 xa coñece ao seu campión. O pasado domingo o pavillón de Lugo acolleu a competición, que sobre as 17.00 horas abría a última xornada. A Copa estaba máis clara neste apartado, co Emevé por diante tras bater os seus contrincantes, Xuvenil de Teis e Fisiomás Zalaeta, nas concentracións previas.

Ante a superioridade das lucenses, o técnico do Xuvenil de Teis aproveitou o primeiro choque para facer algunhas probas de xogo de cara á liga que está a punto de comezar. E aínda que houbo momentos de igualdade durante o partido, o Emevé levou sempre as súas rendas, pechándoo con comodidade en tres parciais: 16-25/22-25/21-25.

Máis igualada estivo finalmente a pelexa polo subcampionato, que enfrontou, deseguido, as de Teis co Fisiomás Zalaeta. Tras un comezo incerto por parte das viguesas que facilitou a folgada vitoria das coruñesas no primeiro set (25-13), o empate chegou nunha segunda manga dominada polas pupilas de Arlindo Miranda. Con Rebeca Hernández e Lucía Pérez á fronte do ataque, as olívicas igualaron a contenda 25 a 17, deixando o subcampionato en mans do terceiro set, o máis axustado do torneo.

A igualdade foi a tónica xeral do set, con do de centrais nas dúas caras de la rede. Grandes accións e puntos longos favorecidos polas defensas dun e outro equipo, derivaron nun vibrante final de set que concluía 28 a 26 para as herculinas tras un par de erros cometidos polas de Teis.

A Copa Galicia 2014 finalizaba entón, preto das dez da noite, tras o enfrontamento entre Zalaeta e Emevé. A pesar da boa actuación das coruñesas, que souberon manter o nivel tras unha atafegada fin de semana (con torneo en Avilés incluído), as de Jorge Barrero non puideron coa potencia ofensiva dun Emevé que soubo levar as rectas finais dos sets ao seu terreo para pechar invictas unha impecable Copa Galicia con outro 3 a 0 (16-25/22-25/21-25).