Cabecera Vide

O C.V. Vigo gañou a Copa do Príncipe, segundo título estatal senior na historia do voleibol vigués

vigovoleibolcopaprincipeO Club Vigo Voleibol é o novo campión de Copa Príncipe, xa que na final da terceira edición deste torneo disputada no pavillón Ciutat de Castelló o conxunto galego impúxose con absoluta solvencia (1-3 con parciais 20-25, 23-25, 25-20 e 19-25) ao ata entón campión, o CV Almoradí, como fixera na semifinal ante o Cajasol Juvasa sevillano (0-3).

O equipo alacantino, que nas semifinais tirara ao local UBE L’Illa Grau (2-3) sempre foi a remolque no marcador e non logrou sacar rendemento a unha das súas mellores armas, a defensa. A solidez do conxunto vigués que dirixe o arxentino Flavio Calafell, cun ataque demoledor e unha defensa efectiva, foron argumentos suficientes para elevar a copa, que o capitán Eduardo Sánchez recolleu de mans do presidente da RFEVB, Agustín Martín.

O torneo tivo tamén unha distinción especial para Eduardo Sánchez, o colocador do Club Vigo Voleibol, que foi elixido Balón de Ouro da Copa, é dicir, MVP do torneo. O C.V. Vigo xa disputara en Puerto Real a primeira edición da Copa Príncipe no ano 2008, pero con derrota diante do Barcelona (3-2).

Este título é o segundo que conquista un equipo vigués senior. O primeiro foi o 12 de maio de 1974, en Sevilla. O Medina feminino gañaba a Copa do Generalísimo por 3-1 diante do Santa Isabel barcelonés.

 Informe semifinal (98.71 kB)

 Informe final (863.04 kB)