O Mosteiro Bembrive de fútbol sala continúa a súa xesta na Copa do Rei. Tras vencer ao Cidade de Narón, campión do seu grupo en Segunda B, gañou onte ao Burela Pescados Rubén (5-4) de primeira división e clasificouse para os oitavos de final. Partido moi igualado que o equipo vigués resolveu na prórroga.

 

Esta noite, ás 21 h., no pavillón de Bembrive, o Mosteiro Bembrive FS regresa á Copa do Rei recibindo ao Burela Pescados Rubén, de Primeira División. É a primeira participación na Copa da súa historia, tras acceder a dieciseisavos de final ao eliminar ao Cidade de Narón. As entradas están á venda ao prezo de 6 €, 3 para os socios. O Bembrive vén de gañar a domicilio ao Leis (3-5), o pasado sábado, na primeira xornada de egunda División B de fútbol sala.

 

Segunda derrota da tempada a sufrida na tarde do domingo do Talleres ABC Vigo FS  fronte ao Tui Futsal (3-4), con esta derrota os vigueses estáncanse na zona media da táboa clasificatoria. O partido comezaba tranquilo, a circulación de balón non era moi rápida por ningún dos dous conxuntos, os tudenses ben plantados na cancha deixaban a iniciativa aos locais, estes un tanto lentos e espesos en ataque non eran capaces de facer dano se non era en tiros afastados ou en veloces aparicións individuais por banda.

 

El Olivo venceu onte ao Victoria C.F. por 0-1. O marcador non reflicte o dominio vigués durante todo o encontro. Carla González deu a vitoria ás de Charli no minuto oitenta. As de Navia adiantan as coruñesas na táboa de clasificación e colócanse a tres puntos do líder, o Villestro. A próxima xornada recibirán ao Peluquería Mixta Friol. O encontro xogarase en Navia, o domingo 19 de outubro, ás 12.15 h.

 

O Luceros Cangas gañou onte a Las Cinco Jotas UB Lavadores por 35 a 32. Os locais foron superiores no primeiro tempo o que lles deu unha renda que na segunda parte, a pesar de que os de Lavadores foron recortando diferenzas, non tiveron problemas para levar os puntos. O Lavadores recibirá a próxima xornada ao Cisne BM. O encontro será o sábado 18 de outubro ás 18.30 h. no pavillón de Lavadores.