Cabecera Vide

A Bandeira Concello de Vigo abre a competición na Liga Galega de Traiñeiras no Vao este domingo

Presentación BandeiraO concelleiro de Deportes e presidente da Fundación VIDE, Manel Fernández, presentou este venres a XXV Bandeira Concello de Vigo de traiñeiras, que se celebrará este domingo 18 no Vao (12:00 horas) co patrocinio municipal. Dez tripulacións de toda Galicia e unha de Asturias (Castropol) pelexarán polo triunfo.
 
"É unha iniciativa importante que conecta a Vigo co mar", subliñou o edil, que ademais lembrou que será a primeira oportunidade que a proba abra o calendario competitivo da Liga Galega A de Traiñeiras (LGT-A) dende que o club de Coruxo ascendeu o verán de 2014.
 
Este ano son trece as regatas na División A da competición autonómica. Agora a parada en Vigo deste circuíto non estará polo medio do calendario, senón que dará o pistoletazo a todos os clubs que aspiran a ascender. Xusto ao mediodía, a ponte de Toralla vai ser testemuña dunha gran xornada con tres quendas.
 
Antes da rolda de prensa o edil pousou coa tradicional bandeira acompañado polo presidente da entidade, Darío Fernández, o adestrador, Benjamín Vázquez, e o remeiro Eloy Otero.
 
Samertolameu manda no palmarés (once bandeiras), pero non se impón en Vigo dende 2010, aínda que a súa presenza reduciuse a 2011 e 2016; Coruxo venceu en 2014, cando era Liga B, e tamén o ano pasado, xa como bandeira da Liga A, e "tentaremos gañala", explicaba Vázquez.
 
"Vai ser unha regata emocionantísima porque esta tempada a Liga vai estar máis axustada que nunca", manifestaba o presidente da entidade, que ademais apuntou que "ao ser catro ciabogas en lugar das tres habituais eses 250 metros finais poden marcar a diferenza". Coruxo rematou na cuarta praza a Liga pasada e tamén aspira aos primeiros postos este ano.
 
Dende 2011 a organización da bandeira viguesa pertence ao Club de Remo Coruxo e a ponte de Toralla e a praia do Vao son escenario das quendas en que se repartirán as tripulaciones. A regata está dotada con 9.000 euros en premios en metálico e compiten nela once tripulacións: Samertolameu, Puebla, Castropol, Coruxo, Bueu, Mecos, Chapela, Amegrove, Vilaxoán, Rianxo e Salgado Perillo.