Cabecera Vide

O programa Siareiros de VIDE pretende acadar a cifra de 15.000 socios para a campaña 17/18

IMG 1452AwebO alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e un grupo de patrocinadores da Fundación Vigo en Deporte, presentou este luns o carné Siareiro 2017/18 na remodelada Pista Vermella do complexo deportivo municipal das Travesas.
 
Ante preto de 400 deportistas dunha treintena de entidades deportivas, destacando a nivel numérico o C.B. Seis do Nadal (baloncesto) e o Maniotas (ximnasia rítmica), pero tamén a presenza do primeiro equipo do Celta Zorka, líder da Liga Feminina 2 de baloncesto, o rexedor lanzou un reto aos clubs: "Quero que Vigo sexa a cidade con máis deporte de España", para o que avanzou que "seguiremos facendo máis pavillónse instalacións deportivas" a fin de que "ninguén se quede sen poder practicar o deporte que lle gusta".
 
Caballero, que pousou con todos e cada un dos equipos que enviaron representación e que están adscritos ao programa Siareiros de VIDE, afirmou que busca a "excelencia deportiva" e asegurou que nestes anos Vigo converteuse "na cidade que dedica máis esforzo e recursos ao deporte".
 
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, tamén presidente de VIDE, manifestou que coa posta en marcha de novo do carné Siareiros, "coas cores de Vigo", dixo (branco para os clubs de elite e vermello para os de base), se garante que nesta nova campaña tamén haberá "axuda directa aos clubs" en función dos ingresos publicitarios e por outros conceptos que se logren.
 
Na campaña pasada, VIDE entregou 60.000 euros aos clubs do programa, a metade mediante transferencia bancaria e a outra parte grazas á venda de boletos para o sorteo dunha viaxe cortesía de Viaxes Zonda, de novo este ano no panel de quince patrocinadores da fundación.
 
A forza do programa observouse tamén na resposta dos patrocinadores privados. Ao acto asistiron María Pilar Iglesias (PSA Groupe), Juan Andonegui (Frutas Nieves), Alice Martínez (Viaxes Zonda), Ricardo Martínez (Centro Comercial Camelias), Silvia Torres (Mar de Ons), Juan Carlos Galindo (Vitrasa), Javier Ara (Unidental) e Víctor García e Pablo Bartolomé (Telepizza), que recibiron o seu carné Siareiro do mesmo xeito que o rexedor. 
 
Na tempada 16/17 o número de clubs Siareiros era de 34, que este ano se eleva a 44 de dezaoito modalidades deportivas: bádminton, baloncesto, baloncesto en cadeira, balonmán, béisbol, ciclismo, fútbol, fútbol sala, hóckey a patíns, loita, natación, sincronizada, patinaxe artística, patinaxe en liña, rugby, squash, voleibol e ximnasia acrobática.
 
A anécdota da xornada a protagonizou Mario, un xogador cadete do Baloncesto Seis do Nadal, que cando o alcalde ía a "chocarlle os cinco" respondeulle co xesto de celebración do futbolista Paul Pogba, o denominado "DAB-dance". A Caballero gustoulle tanto a actitude desenfadada do deportista que logo o puxo en práctica con outros mozos.