A dianteira viguesa Joana Montouto volve a casa para disputar a Vigo Cup de fútbol sala e de fútbol 7 mentres decide o seu futuro deportivo

Imprimir

JoaA Vigo Cup 2019 engade a tódolos alicientes habituais do torneo a presenza dunha das xogadoras máis determinantes do balompé vigués na última década. Joana Montouto, "Joa" (Vigo, 1990) vai defender título na categoría feminina de fútbol 7. O verán pasado gañouna co Baipesca na final de Samil, equipo co que repite nesta nova edición.

Pero iso é unha parte dunha historia moito máis longa e que comezará antes, pois Montouto tentará conquistar tamén o trofeo feminino na modalidade de fútbol sala, desta xeira co Sárdoma CF, que por vez primeira competirá na Vigo Cup de fútbol sala. "Todos temos que colaborar e facer cidade tamén coa Vigo Cup", dixo Begoña Aldao, a presidenta do club das Relfas.

A viguesa, esta pasada campaña no Boavista portugués, competirá no fútbol español no exercicio 2019/2020. É un feito confirmado á organización pola propia xogadora. Aínda que o seu futuro club está por determinar. Mentres, a dianteira goleadora, que nas dúas últimas tempadas en Galicia conquistou co Sárdoma a Copa Vigo (2017 e 2018) e a Copa Deputación (2017), participará na Vigo Cup con xogadoras de dous dos equipos que a queren nas súas ringleiras para a nova campaña: o Sárdoma e o Matamá. E que o Baipesca, vixente campión do torneo de fútbol base vigués, está formado por futbolistas do Atlántida de Matamá, que hai poucas semanas acadou o ascenso á nova Primeira División B do fútbol nacional. 

"Joa" debutará na Vigo Cup 2019 fronte ao Balaídos CF A o vindeiro mércores 26 no Pavillón Central das Travesas (21:00 horas). Rematado o partido, as blanquiazuis mediranse ao Cios Vigo (22:00), o outro equipo do grupo A. No B están encadrados o Talleres ABC, o Vigo 2015 e o Balaídos CF B. O formato de competición é liguiña a unha soa volta e despois resolución do título en eliminatoria directa.