CdeC, Frutas Nieves, Gadis, Mar de Ons, Recalvi e Vitrasa súmanse á aposta do Concello pola Fundación VIDE e o deporte de base

Imprimir

IMG 9821webA Fundación Vigo en Deporte (VIDE) entra nunha nova etapa. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que é o vicepresidente de VIDE, asinou este pasado xoves no Concello os convenios con seis empresas de Vigo (Corporación de Comunicaciones, Frutas Nieves, Gadis, Naviera Mar de Ons, Recalvi e Vitrasa) polos que estas se vinculan a VIDE como patrocinadores.

As firmas, decididas a apoiar ao tecido deportivo a través da fundación, reforzan o papel da mesma, aínda que o piar fundamental da mesma seguirá a ser o Concello de Vigo. O rexedor felicitou aos representantes das firmas comerciais pola súa cooperación, agradeceu que se sumen ao pulo municipal co deporte vigués e resumiu o acordo como "o espíritu de Vigo é este. Queremos que a actividade privada se incorpore ao deporte, quero agradecer a implicación das empresas, é un modelo que me gusta moito, aínda que só fora pola súa presenza”, sinalou Caballero.

Asinaron en representación das empresas Carlos Calo (CdeC), Juan Andonegui (Frutas Nieves), Pablo Louro (Gadis), Juan Carlos Nacimento (Mar de Ons), José María Rodríguez (Recalvi) e Luis Alberto González (Vitrasa). Gadis, Frutas Nieves, Vitrasa e Mar de Ons xa colaboraban en anos anteriores, pero o seu compromiso crece agora, mentres que Recalvi e CdeC entran con forza. Durante os últimos meses o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, mantivo conversas con estas empredsas para pechar estos acordos a prol do deporte de Vigo. 

Deste xeito, o panel da iniciativa privada en VIDE crece, garantindo a fortaleza da dúcia de programas que executa Vigo en Deporte ao longo do ano, dende campus polideportivos a competicións internacionais de base. Outras empresas, casos de Faro de Vigo, Coca-Cola ou New Balance tamén continúan nos principais eventos de VIDE ou aportando iniciativas para que os clubs obteñan ingresos atípicos (Viaxes Zonda).