Aberto o prazo de solicitude para axudas ao deporte individual co programa "VIDE en Futuro"

Bolsas2021A Fundación Vigo en Deporte abriu hoxe venres a convocatoria de axudas para deportistas individuais sub-23 pola tempada deportiva 2020/21. É o oitavo ano consecutivo que VIDE, co pulo do Concello e do tecido empresarial vigués, adica 20.000 euros para o deporte formativo en modalidade individual, de parellas ou tríos.


O tempo para que os e as solicitantes entreguen a documentación necesaria é de dez días (ata o 15 de novembro) e nesta edición as bases complementan aínda máis ás que ten a Concellería de Deportes para o deporte individual.

Como sucede dende 2014, VIDE chama aos e ás deportistas de 23 anos ou menos e nesta oportunidade con modificacións substanciais. Ata agora, as bolsas VIDE eran de 1.000 euros por deportista individual, pero nesta convocatoria a valoración obtida e a posición final entre o grupo de solicitantes suporá que a cantidade a percibir varíe.

Dende a posta en marcha destas axudas, VIDE repartiu 140.000 euros entre as promesas do deporte local. O programa ten por finalidade sufragar parte dos gastos ocasionados durante o período de adestramento, competicións, perfeccionamento ou adquisición de material.

O ano pasado este programa alcanzou a vinte deportistas sub-23 de once disciplinas. Atletismo, bádminton, esgrima, ximnasia, halterofilia, kickboxing, natación artística, remo, squash, taekwondo e vela tiveron como mínimo un representante, que no caso da vela elevouse a catro ata completar os 20.000 euros con que a Fundación Vigo en Deporte dota este programa, que o concelleiro de Deportes e vicepresidente de VIDE, Manel Fernández, considera “moi importante. Podémolo realizar grazas ao apoio do Concello e das empresas que participan neste proxecto chamado VIDE”.

Bases Programa VIDE en Futuro 2020-2021

Formulario axudas deportistas individuais 20-21

Carta do concelleiro de Deportes