A Fundación VIDE asegura o investimento privado para os vindeiros anos

Imprimir

Fotosizer 11A firma dun novo convenio entre o alcalde de Vigo, como presidente da Fundación Vigo en Deporte, e un grupo de significadas empresas con probada responsabilidade social corporativa e un decidido apoio ao deporte, permitirá a VIDE traballar nos seus programas formativos a catro anos vista.

En febreiro de 2020, antes da pandemia, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, designado polo alcalde para dirixir VIDE en calidade de vicepresidente, pechou seis convenios plurianuais con Grupo Recalvi, Gadis, Frutas Nieves, Naviera Mar de Ons, Grupo CdeC e Avanza Vitrasa -agora substituída por Hyupersa Vigo (Hyundai)- por uns 40.000 euros anuais en total. O Concello achega 125.000 euros a esta filosofía que une a actuación pública coa privada. Froito desta colaboración, Recalvi, moi implicado no deporte vigués, tamén se incorporou ao Padroado de Vigo en Deporte xa no 2022.

Expirado o anterior convenio, esta semana, o alcalde e representantes do pool de empresas escenificaron en Praza do Rei un segundo acordo por varios anos, de novo co edil Manel Fernández encargándose das xestións directas, por encomenda do xefe do goberno municipal. A continuidade destas compañías na Fundación VIDE permitirá desenvolver os programas de deporte de base coa calidade que o Padroado (Concellería de Deportes e Recalvi) pretendía.

Coa Vigo Cup como evento estrela -reúne a uns 5.000 participantes cada verán-, VIDE tamén ofrece outras accións de relevancia: complementa o programa municipal de escolas deportivas cos campus polideportivos, en xaneiro e en xuño, impulsa a Liga de Natación Escolar xunto ao CN Vigo Rías Baixas, os trofeos Cidade de Vigo de grupos show (patinaxe artística) e baloncesto 3x3, as bolsas para deporte individual (VIDE en Futuro) ou as axudas a clubs por adestramentos (programa Siareiros), entre outras actividades que tamén inclúen os Premios VIDE (fútbol e fútbol sala), os Premios Siareiros (polideportivos, coa presentación da tempada) ou a cooperación co Torneo de Nadal de fútbol 8 que organiza Afavi con patrocinio municipal.

No encontro coas compañías, o alcalde suliñou que "Vigo é empresa, e agrádame esta cooperación co Concello en VIDE". O mandato actual comezou no 2023 e esténdese ata maio de 2027. A resposta do tecido empresarial asegura todo este periodo e, nalgúns casos, algún exercício máis para que VIDE poida dar continuidade aos actuais programas.