Vigo quere organizar o Campionato de España infantil feminino e a FEB visitou o pavillón de Navia

Imprimir
navia1Vigo aspira a organizar o XXVII Campionato de España infantil de baloncesto feminino. A Federación Galega de Baloncesto, representada polo seu presidente, Francisco Martín; o seu vicepresidente segundo, Armando Álvarez; e o presidente do Comité Galego de Árbitros, Javier Uría; recibiu a semana pasada a visita do coordinador dos Campionatos de España de Clubs da Federación Española de Baloncesto, Alberto Gómez, e do responsable de Eventos da Área Deportiva da FEB, David Aurich.

Gómez e Aurich achegáronse a nosa Comunidade Autónoma, en concreto ás zonas do Porriño, Vigo e Tui, para coñecer de primeira man as súas instalacións deportivas e pavillóns de cara a valorar a posibilidade de realizar nestas ubicacións, e nesta mesma tempada, o XL Campionato de España Júnior masculino de clubs (15-21 de maio) ou esta competición en categoría infantil feminina.

Da man do presidente da FGB, Francisco Martín, e co coñecemento do delegado en Vigo, Alberto Zato; os representantes da FEB puideron comprobar a calidade das sedes deportivas desta zona e as súas características para levar a cabo eventos de alcance como os citados anteriormente, os cales están pensados para reunir a un total de 32 equipos cada un.

Apoio da Concellería de Deportes e da Uvigo. A aposta viguesa, liderada polo Club Deportivo Bosco (Celta Indepo) e apoiada pola Concellería de Deportes do Concello de Vigo e a Universidade de Vigo, según di na súa web o Celta Indepo, é clara: Vigo está capacitada para aloxar o Campionato de España infantil feminino, fixado para xuño de 2011 (19 ao 25). A FEB decidiu anular os intersectores e todos os torneos estatais infantís, cadetes e juniors libraranse nunha fase final única de oito días con 32 equipos, dos que un máximo de tres poden ser da federación autonómica anfitrioa e participan o organizador e todos os campións das dezanove federacións autonómicas (dezaseis equipos de comunidades autónomas, un da comunidade foral de Navarra e os gañadores das cidades autónomas de Ceuta e Melilla), ademais de oito subcampións e catro equipos máis por ranking.

O pavillón central das Travesas (reinaugurado en 1999), o flamante pavillón de Navia (2010), o de Bouzas (2003) e ata o pavillón da Universidade de Vigo son os polideportivos presentados pola proposta do Bosco. Vigo non vive un torneo de baloncesto de clubs destas categorías dende 1987, cando se organizou o Nacional cadete masculino; tampouco houbo moito máis, pois a este únese un evento feminino, o Nacional junior, en 1985.

Oito localidades galegas organizaron polo menos unha vez competicións de base de clubs de baloncesto. Ourense lidera a clasificación particular con cinco campionatos entre 1972 e 2004, seguida por Santiago e Ferrol, con catro torneos estatais desta categoría. Na provincia de Pontevedra, Vilagarcía organizou o infantil masculino (1998) e o junior, tamén masculino (2000), e O Porriño o cadete feminino (1987).

Os enviados da Federación Española tamén visitaron o Centro Polideportivo Municipal do Porriño (a pista principal e a anexa) e os dous polideportivos de Tui (o novo, inaugurado en 2004). A finais de mes saberase se Galicia recibe un destes campionatos.

Beneficio para a hostalería. Co novo formato, un Campionato de España de baloncesto move 500 persoas de forma directa entre técnicos, xogadores e árbitros e esa cifra multiplicaríase por tres ao acudir numerosos pais e familiares como seguidores dos equipos, co que isto supón para o sector hostaleiro.

O primeiro equipo infantil do club vigués é o Celta Maristas Caixanova, adestrado por Mariano Villalón e que entre as súas xogadoras ten á filla do que foi internacional brasileiro de fútbol (e céltico) Iomar do Nascimento, "Mazinho", Thais Alcántara.