Cabecera Vide

Navia, pista chave para que o Celta Bosco prepare a súa salvación na Liga Feminina

sara-11-12O Multiusos de Navia aparece como decisivo para o Celta Bosco na súa batalla pola permanencia na Liga Feminina. Este sábado o Celta xogará na nova pista fronte ao Gran Canaria 2014.

Con dous meses para concluír a competición máis curta da historia (fase regular), febreiro pode supor para as de Carlos Colinas o despegamento definitivo, xa que catro dos seis partidos previstos ese mes que mañá comeza serán en Vigo.

O Celta, que dende a inauguración do Multiusos de Navia en novembro de 2010 aspira a converter ese recinto na súa cancha habitual, múdase a ela para eses catro choques como local. Gran Canaria 2014 (sábado 4, 18:30, xornada 17), Hondarribia (día 11, xornada 19), Obenasa Navarra (día 18, xornada 21) e Rivas (día 25, xornada 22) son os rivais das galegas no camiño cara á continuidade outra tempada na elite do baloncesto.

A campaña pasada, as celestes saíron airosas dos seus difíciles compromisos en Navia ante Olesa e Obenasa. Este ano, o Ros impúxose nesa pista pero Sóller caeu na mesma, e a esperanza do club que preside Paco Araújo reside agora en que o apoio do público e a calor do polideportivo guíen ao Bosco nos encontros que van chegar.

Con dez partidos para rematar a fase regular que decide os descensos, a fortaleza en pista propia é vital se a salvación foi marcada como obxectivo prioritario.