Cabecera Vide

Caballero felicitou ao Celta Bosco pola súa permanencia na Liga Feminina e España chama a Marta Canella

recepcionwebO alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández, felicitaron este mércores ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Celta Bosco.

Hai exactamente sete días, o equipo conseguiu a permanencia matemática na Liga Feminina.

No ano que máis difícil o tivo a entidade (remodelación do grupo de xogadoras, máis novo que nunca, e orzamento económico moi recortado ao ser a primeira tempada sen patrocinador privado), o Celta sufriu relativamente menos que noutras oportunidades e a tres partidos para o final do campionato resolveu a súa salvación.

O Bosco leva dende 1996 sen faltar a unha soa cita coa máxima categoría. A campaña 2012/2013 será a 17ª consecutiva do club na división de honra e a número 46 da cidade na elite dende que o desaparecido Estudiantes ascendeu en 1965.

30 anos despois. Dáse a circunstancia de que o Celta Bosco sálvase a escasas datas de que se cumpran 30 anos do histórico dobrete do Celta Citroën 81-82, que gañou a Liga o día da Reconquista nas Travesas e a Copa da Raíña en maio en Ferrol.

Canella, con España sub 17. A recepción coincidiu coa convocatoria da xogadora baionesa Marta Canella polo seleccionador sub 17. España chamouna para unha concentración de catorce xogadoras do 4 ao 8 de abril, en Semana Santa. Será en Zaragoza e terán a Turquía como rival. Con estas xornadas de traballo, Víctor Lapeña, o seleccionador, ultima a preparación para o Mundial sub 17, en Holanda do 17 ao 26 de agosto.

Non é a primeira vez esta tempada que recibe ao Celta. En outubro xa acudiron a Alcaldía o técnico Carlos Colinas, unha xogadora (Marina Delgado) e o preparador físico (Mario Muñoz) por lograr no verán a medalla de prata con España no Campionato do Mundo sub 19 en Puerto Montt (Chile).