Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

Os vigueses desprázanse este sábado a Sevilla para enfrontarse (18.00 horas) a un Once Andalucía que non pode fallar para non ver perigar o seu primeiro posto na División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas. Mentres, o Amfiv, tras a decisión do xuíz único de darlle a vitoria no seu choque ante o Econy Gran Canaria, sabe que cun triunfo nas dúas xornadas que quedan será quinto.

A decisión do xuíz único de competición de dar a vitoria ao Aldasa, ante a imposibilidade de encontrar unha data para disputar o partido entre os vigueses e o Econy Gran Canario, que non se puido disputar hai quince días ao non poder viaxar os insulares por culpa da nube de cinza volcánica, propiciou que os vigueses teñan na súa man concluír a tempada na quinta posición. Porque un triunfo nas dúas xornadas que restan para concluír a campaña colocaría definitivamente o Aldasa no quinto lugar. Non obstante, o seu técnico, Abraham Carrión aposto por "logralo canto antes, mellor. Queremos ser quintos pero, ademais, selo co maior número de vitorias posibles para demostrarnos a nós mesmos que se estivésemos un pouco máis finos nalgúns encontros que perdemos por dous ou tres puntos, poderiamos estar terceiros ou cuartos".

De tódolos xeitos, o compromiso deste sábado en Sevilla na penúltima xornada liguera non parece o máis propicio. O Amfiv visita a cancha do primeiro clasificado, o Once Andalucía, que só perdeu dous encontros esta tempada e que non pode permitirse un despiste se non quere ver como o Fundosa Once lle arrebata a súa privilexiada primeira praza. "Seguramente, será o partido máis difícil da tempada porque nos enfrontamos ao líder, que está xogándose a liga e na súa casa. Pero nós tamén xogamos moito porque estamos a pelexar pola quinta praza e por rematar a tempada co bo sabor de boca de ver que podemos competir e gañar ante equipos como a Once. Por iso, estamos tamén moi motivados para esta cita", explica Carrión.

Os andaluces, flamantes campións da Copa do Rei celebrada en Toledo, son un rival moi complicado. "Hoxe por hoxe é o equipo máis forte da competición. Gañou os dous partidos ao seu rival directo, o Fundosa, e só dous despistes provocaron que non sexa xa campión de Liga. Malia todo, se están mostrando algo irregulares como a pasada xornada ante o Econy Gran Canaria, un choque no que ían gañando de vinte e no que ao final sufriron para impoñerse por dous puntos. Trátase dun equipo moi completo, forte e con moita altura. Ten un potente xogo interior e un bo lanzamento exterior pero tamén é certo que malia o seu potencial perderon partidos. Como siempres, se xogamos como debemos podemos intentar aproveitar a súa ansiedade para gañar", finaliza o adestrador do Aldasa, quen disporá da totalidade do seu equipo en perfecto estado para o choque. "Todos están ben, co habitual cansazo por toda a tempada e algunhas molestias polo traballo realizado pero con ilusión e a moral alta", apunta Carrión.