Concello de Vigo    

Cabeceira Vide
aldasa-barca1O Aldasa Amfiv botou o peche á tempada 2009-2010. Pero non o fixo como lle gostaría.

O guión previsto pasaba por gañar ao Barcelona para celebrar o final de campaña cunha última vitoria en casa que, ademais, serviría para que os locais ascendesen á quinta posición na táboa clasificatoria da División de Honra de Baloncesto en cadeira de rodas.

E ata os derradeiros cinco minutos de encontro pareceu que así sería porque o Amfiv, a pesar de contar coas importantes ausencias de dúas das súas referencias interiores como Lorenzo Envó e Lalo, tiña o encontro controlado e a vitoria encarrilada.

Pero un parcial de 11-22 no cuarto final tirou por terra todo o bo traballo anterior e permitiu a un Barcelona que non se xogaba nada atoparse un triunfo que xa case non esperada (63-65). Os vigueses, cun destacado partido de David Mouriz (16 puntos), Bernabé Costas (13 puntos) e, sobre todo, Agustín Alejos (22 puntos e 11 rebotes) antes de iniciar o vindeiro luns a súa aventura na liga australiana, tiveron unha derradeira oportunidade de enviar o encontro á prórroga, pero Najib Essahiri desaproveitou dous tiros libres para lograr a igualada a falta de catro segundos para a conclusión do choque.

FICHA TÉCNICA

63. Aldasa Amfiv: Julio Vilas (3), David Mouriz (16), Najib Essahiri (-), Vicki Alonso (5), Agustín Alejos (22) -cinco inicial-, Berni Costas (13), Alberto Abalde (-), Leo Tahti (4).

65. FC Barcelona: Teddi Sancristán (14), Alexander Carrillo (13), Jonhy Tiján (4), Thomas Schroeder (7), Bryce Doody (18) -cinco inicial-, Parrilla (1), Adalberto Carrillo (2), Juan Calvín (-), López (-) e Díaz (6).

Parciais: 23-17, 36-34 (descanso), 52-43 e 63-65 (final).

Árbitros: Jorge González Marqués e A. Reyes. Sen eliminados.

Incidencias: Encontro correspondente á vixésimo segunda xornada, derradeira da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, disputado no Pavillón de Bouzas ante a presenza de case 300 afeccionados.