Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

cesar1O técnico olívico, que a pasada tempada dirixiu ao Rosalía santiagués na LEB Prata, reunirase nos próximos días co presidente e o director deportivo para rematar de perfilar o equipo que empezará a traballar o próximo 7 de setembro.

O proxecto do Aldasa Amfiv para a tempada 2010-2011 xa está en marcha. A entidade presidida por Pablo Beiro concretou nas últimas horas a incorporación da peza básica sobre a que empezar a edificar o seu futuro ao pechar a contratación do técnico vigués César Iglesias. César dirixiu a pasada campaña ao Rosalía santiagués na Adecco LEB Prata e conta ás súas costas cunha amplísima traxectoria no baloncesto a pé, tanto como segundo adestrador de Félix Muñoz en Porriño e en Rosalía como, nos últimos anos, en solitario. Agora, o preparador vigués decidiu emprender un novo reto na súa prometedora carreira ao aceptar o ofrecemento do Amfiv e converterse no seu novo técnico.

"Queriamos apostar por un adestrador novo pero con experiencia e ambición e, sobre todo, con ganas de emprender un novo reto. Por iso, puxémonos en contacto con César, posto que reunía todas as características que estabamos a buscar e, ademais, é vigués. Dende o principio mostrouse moi interesado na nosa proposta e con ganas de iniciar esta interesante aventura, polo que o acordo non foi complicado,", explica o máximo mandatario do Aldasa Amfiv, Pablo Beiro, quen desexa que o seu novo adestrador viva "unha tempada boa e tranquila, aínda que sabemos que vai estar moi complicado manter os resultados das últimas campañas porque os rivais se reforzaron moito e ben e as nosas posibilidades económicas non nos permiten facer loucuras".

Precisamente, o presidente manterá nos próximos días unha reunión co novo adestrador para rematar de perfilar o equipo de cara á tempada que se iniciará a mediados de outubro. "En principio, a nosa intención é manter o bloque de xogadores da casa pero sempre tendo en conta que esta tempada estamos obrigados a reducir o noso presuposto a case a metade. Esta semana sentaremos a falar César, o director deportivo e eu para concretar estes temas", puntualiza Beiro.

O tempo, ademais, aprema. A intención do novo preparador do Aldasa Amfiv é comezar o traballo de pretempada o próximo 7 de setembro, data para a que debería estar completamente pechado o equipo para a campaña 2010-2011.