O Aldasa iniciará a tempada na cancha do vixente campión

Imprimir

amfivO conxunto vigués xa coñece o calendario para a campaña 2010-2011, na que debutará enfrontándose o 16 de outubro en Sevilla ao Once Andalucía, un equipo que estará dirixido polo ex técnico do Amfiv Abraham Carrión Ruiz.

O novo Aldasa Amfiv de César Iglesias comezará o próximo martes 7 de setembro o traballo de pretempada e farao coa vista posta no fin de semana do 16 de outubro, data para a que está marcado o inicio da tempada 2010-2011 na División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas. Porque a estrea no banco do novo técnico vigués será moi esixente xa que na primeira xornada os seus pupilos se desprazarán a Sevilla para visitar a cancha do vixente campión da máxima categoría nacional, o Once Andalucía, co aliciente engadido de que o conxunto sevillano contará esta campaña como técnico con Abraham Carrión, o ex preparador do Aldasa.

"Sabemos que temos un inicio de tempada complicado, que empezamos moi forte e non só polo primeiro desprazamento a Sevilla senón tamén porque o segundo partido na nosa casa será ante o Fuhnpaiin Peraleda de Toledo, terceiro a pasada campaña", apunta César Iglesias sobre a súa esixente estrea como adestrador do Amfiv. Para afrontar con garantías este difícil inicio ligueiro, César subliña que "temos que facer unha boa e intensa pretempada, na que vaiamos de menos a máis. Nela, o torneo que disputaremos en Valladolid a semana antes ao comezo da División de Honra será moi importante porque o Fundación Grupo Norte está chamado a ser un dos equipos que vai pelexar polos primeiros postos e nos dará unha idea moi aproximada de como estamos para enfrontarnos ao Once Andalucía".

Iniciar a tempada sen o respaldo do seu público é case un costume para o técnico vigués, quen, ademais, o considera mesmo unha vantaxe. "Non sei moi ben por que, pero en todos os equipos nos que estiven sempre empecei xogando fóra da casa e creo que é positivo. No teu cancha tes máis ansiedade porque xogan ante o teu público e tes que facer fronte ás expectativas por unha nova tempada. Se xogas fóra, esa situación xestiónala doutro xeito posto que é o equipo local o que ten que demostrar cousas ante a súa afección. Por iso, creo que nos pode vir ben debutar lonxe de Bouzas aínda que o máis importante é empezar ben", resalta César Iglesias.

Despois da proba de lume en Sevilla ante o vixente campión ligueiro, os vigueses terán unha esixente estrea ante a súa afección o 23 de outubro ante o Fuhnpaiin Peraleda toledano. Será outro complicado compromiso ao que o Aldasa tratará de chegar no mellor estado de forma posible. A situación repítese posto que a pasada tempada o Aldasa tivo tamén un duro inicio ante dous rivais da parte alta da táboa, o Mideba Badajoz e o Fundación Grupo Norte. Naquela ocasión, os vigueses non puideron sacar nada positivo neses dous primeiros encontros e as dúas derrotas iniciais foron un pesado lastre que deixou bastante tocada a moral do equipo no tramo inicial da campaña. Por iso, o obxectivo neste inicio ligueiro, segundo recalca o propio César Iglesias, será "sacar adiante os dous partidos ou, polo menos, intentar conseguir a vitoria no de casa, a pesar de que o Fuhnpaiin é outro rival moi duro".

O novo técnico está aínda a recompilar datos e informacións para completar o cambio do baloncesto a pé, no que a pesar da súa xuventude conta cun longo e exitoso currículo, ao baloncesto en cadeira de rodas, no que realizará o seu debut da man do Aldasa. Por iso, e porque moitos equipos aínda non pecharon nin anunciaron os seus equipos, aínda non coñece a fondo os rivais. O que si sabe é que será unha campaña complicada polas restricións presupostarias. "Polo que me comentaron dende o club, pelexar polos primeiros postos será espiñento polo noso axustado presuposto pero independentemente diso, nós intentaremos competir con todos os rivais e chegar ao final da tempada con opcións de estar o máis arriba posible".

Por último, como é tamén habitual, o calendario da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de rodas contará con tres paróns por Nadal, Semana Santa e a disputa da Copa do Rei e as competicións europeas. Esta circunstancia non preocupa en exceso a César Iglesias, aínda que recoñece que "dependendo da dinámica na que estea o equipo poden vir ben ou mal. Se estás a perder, veñen ben para adestrar e corrixir cousas. Se estás a gañar e todo vai ben, nunca gusta parar. Por iso, esperemos que nos veñan mal todos os paróns. De tódolos xeitos, o importante é seguir adestrando duro durante eses días e se é posible, disputar encontros amigables para non perder o ritmo e a forma".