Cabecera Vide

Aldasa segue como patrocinador do Amfiv e o presidente Pablo Beiro pasa "a un segundo plano"

27.08O Club Deportivo Amfiv anunciou hoxe varias novidades para a tempada 2010/2011 tanto no organigrama deportivo como directivo. A entidade que preside Pablo Beiro continuará con el á fronte, pero dous directivos, José Antonio Beiro, Chechu, e Manuel Veiga, asumirán "o día a día do Amfiv" e "o peso específico do club"; Beiro pasará  "a segundo plano", segundo explicou o propio dirixente vigués durante a conferencia de prensa que serviu de presentación para o novo adestrador, César Iglesias".

Pablo Beiro (na imaxe da rolda de prensa, segundo pola esquerda) anunciou tamén que a partires da vindeira semana o Amfiv buscará un segundo apelido para o equipo de División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas pois "onte pola noite o patrocinador anunciounos unha rebaixa substancial dun 25% na súa axuda, aínda que nos deixou as portas abertas para atopar un segundo patrocinador", dixo. Beiro agradeceu o apoio por terceira tempada consecutiva de José González, socio único de Aldasa, e deu mérito á súa axuda: "Somos realistas e o ladrillo e a obra pública pegaron un baixón". Aldasa continúa e sabe do traballo social da entidade viguesa, reflectido tamén nas súas escolas deportivas municipais de baloncesto e natación.

O equipo. No que respecta á composición do equipo, Chechu Beiro sinalou que "están bastante avanzadas as xestións para renovar a Lorenzo Envó e Jullo Vilas " (cren que non vai haber problema), recoñeceu que a intención da xunta directiva é dar ao novo técnico un equipo que "manteña aos de casa" aínda que o orzamento vaise a axustar moito este ano. Son baixas seguras o finlandés Leo Pekka Tahti e o marroquí Najib Essahiri, mentres que a continuidade de Lalo Prieto "depende da operación de ombreiro do mexicano", dixo Pablo Beiro. Ademais, o corpo técnico está a ver xogadores no mercado e "hai catro ou cinco" que se adaptan ás necesidades do grupo e "quedarémonos con dous ou tres", sinalou Chechu Beiro. O novo adestrador, César Iglesias, sinalou respecto diso que tras ver vídeos do equipo para coñecer aos seus novos xogadores e o xogo (procede do baloncesto a pé) "fixen fincapé en traer un xogador interior que marque diferenzas".

Ilusión. O adestrador reunirase nuns días coa preparadora física do equipo, Cristina Cantero, que xa guiou ao Amfiv unha parte da tempada 2008/2009, "para que me poña ao día" de diversas cuestións dos seus xogadores pois "leva moito tempo nisto". Iglesias recoñeceu que afronta este salto ao baloncesto en cadeira "á expectativa e con ilusión nunha nova experiencia, que é o que me atraeu".

Pablo Beiro valorou a súa aposta polo Amfiv "logo de mes e pico de negociacións", animou ao seu adestrador ("non vai ser tan gran cambio como César cre", subliñou) e afirmou que o vigués "ten o campo libre se lle aparece outra oferta coa que poida seguir crecendo", en referencia á posible volta do adestrador vigués a Liga LEB ou Liga EBA. Iglesias, pola súa banda, incidiu en que "me gusta a competición e a ambición do club e... estou en casa". César Iglesias é o substituto de Abrahám Carrión.

A pretempada do Aldasa Amfiv comezará o vindeiro 7 de setembro.