Cabecera Vide

Alberto Abalde, Borja Rey e David Mouriz tamén seguen no Aldasa, que mañá inicia o traballo de pretempada

bertoO novo Aldasa Amfiv de César Iglesias iniciarán este martes o traballo de pretempada de cara ao seu debut na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas o vindeiro 16 de outubro en Sevilla ante o vixente campión ligueiro, o ONCE Andalucía.

A cita será a partir das 21.00 horas e o escenario, o habitual: o pavillón de Bouzas. Para o comezo dos adestramentos, o novo adestrador do conxunto vigués contaba xa cos seis xogadores que aceptaran renovar o seu contrato co Aldasa -Lorenzo Envó, Julio Vilas, Berni Costas, Vicky Alonso, Santi Comesaña e Moncho Pombo-, aos que agora se unen tamén Alberto Abalde, Borja Rey e David Mouriz.

Seguindo o exemplo dos seus compañeiros, Abalde, Rey e Mouriz decidiron aceptar a proposta para continuar no club, co que o Amfiv mantén practicamente á totalidade do equipo da pasada campaña. Porque o finlandés Leo Pekka Tahti decidiu centrarse esta tempada nas competicións de atletismo ante a disputa en 2011 do Mundial e a proximidade cos Xogos de Londres en 2012, mentres que davido marroquí Najib Essahiri marchará, case con total seguridade, a Sevilla para continuar ás ordes do ex técnico do Aldasa, Abraham Carrión. Deste modo, os únicos dous xogadores que militaron a pasada tempada no conxunto vigués que aínda non renovaron o seu contrato son o internacional mexicano Eduardo Geovani "Lalo" e Agustín Alejos. "Cos dous falamos pero son casos diferentes. Agustín está en Australia disputando a liga de verán e non regresaría ata a última semana de setembro. A nosa intención é que siga no equipo e el parece interesado tamén en seguir pero aínda estamos a falar. A situación de Lalo é distinta. O ano pasado tivo algúns problemas co ombro e cando se foi díxonos que despois do Mundial falariamos porque mesmo era posible que tivese que pasar polo quirófano para solucionar os seus problemas. Non tivemos noticias del e buscamos outras alternativas para completar o xogo interior, aínda que todas as opcións permanecen abertas," explica o máximo responsable deportivo do club vigués, José Antonio Beiro.

Respecto ás tres últimas renovacións, que permitirán a César Iglesias iniciar este martes o traballo de pretempada co equipo ao completo, José Antonio Beiro subliña que "eran tres pezas importantes para nós, que queriamos que seguisen no equipo pero sempre dentro da nosa política de axustar o presuposto para non ter problemas durante a tempada. Mouriz regresou ao equipo a pasada campaña e pretendemos que continúe connosco moitos anos máis e Alberto e Borja, a pesar de que non realizan a maioría dos desprazamentos co equipo por motivos laborais, son moi importantes para nós por todo o que nos achegan nos adestramentos e nos partidos de casa".

NOVA PÁXINA WEB

O Aldasa Amfiv puxo xa en funcionamento a súa nova páxina web, un instrumento co cal o club pretende dar un novo paso adiante no seu trato cos seus afeccionados e os medios de comunicación mediante un deseño máis sinxelo, no que o acceso á información sexa moito máis doado.

Ademais de todos os datos sobre a entidade e as notas de prensa e as entrevistas aos protagonistas da actualidade do club, o novo portal de internet, que mantén o dominio actual (www.cdamfiv.com), inclúe tamén os datos dos integrantes do equipo e as súas estatísticas, os resultados e clasificación das diferentes competicións nas que participa o Amfiv e unha ampla e completa galería de fotos tanto dos partidos coma doutros eventos: visitas a colexios, exhibicións, escolas deportivas...

Ademais, outra das novidades desta web é a posibilidade de comentar as noticias, o que permite unha total interactividade cos afeccionados, e a opción de tramitar a solicitude de socio con total comodidade a través dela.