David Rodarte, un campión da liga americana, primeira fichaxe do Aldasa Amfiv

Imprimir

rodarteO Aldasa Amfiv iniciou este martes o traballo de pretempada e fíxoo con dez xogadores a disposición do novo técnico do conxunto vigués, César Iglesias, toda vez que aos nove xogadores que continúan respecto á pasada tempada -Xullo Vilas, Lorenzo Envó, Berni Costas, Vicky Alonso, Santi Comesaña, Moncho Pombo, Albert Abalde, Borja Rey e David Mouriz- uniuse o americano David Rodarte, que foi presentado ante os medios de comunicación onte na Fundación VIDE.

Precisamente, Rodarte é, ata o momento, a primeira e única incorporación do Aldasa Amfiv para afrontar a tempada 2010-11. O americano non rehúye a presión por este feito. Todo o contrario. "Creo que podo achegar ao equipo a miña experiencia despois de estar a xogar a alto nivel en Estados Unidos con xogadores internacionais tanto polo meu país coma por Australia. Estou afeito a competir e penso que podo ofrecer a miña experiencia, o coñecemento acumulado nestes anos xogando ao baloncesto en cadeira de rodas e a miña capacidade de liderado para facer crecer ao equipo,", explica Rodarte, nacido en Los Ángeles aínda que fillo de pais mexicanos polo que se expresa sen excesivos problemas en español.

Mentres, o director deportivo do Aldasa, José Antonio Beiro, relata como se produciu a contratación de Rodarte. "Necesitabamos contar cun punto baixo para acomodar as rotacións e solicitamos a colaboración do técnico canadense Mike Frawley, famoso polos campus que realiza. Explicámoslle o noso proxecto e o que buscabamos e deunos unha lista de opcións. Polas fotos, os vídeos e as referencias, decidimos apostar por David Rodarte", subliña José Antonio Beiro, quen incide en que "ademais, foi unha moi grata noticia que saiba falar español".

Aos seus 25 anos, Rodarte conta cunha notable experiencia no baloncesto en cadeira de rodas. De feito, disputou tres tempadas a liga universitaria americana coa Universidade de Illinois, conseguindo dous títulos nacionais e un subcampionato. Tanto é así que esta mesma fin de semana terá que regresar aos Estados Unidos para acudir a unha recepción oficial co presidente, Barack Obama, aínda que o novo xogador do Amfiv non quixo perderse a primeira semana de adestramentos e coñecer os seus novos compañeiros.

A decisión de fichar polo conxunto vigués debeuse, tal e como explica o propio Rodarte, ao interese mostrado polo Amfiv en facerse polos seus servizos. "Ao rematar a Universidade, os bos xogadores americanos veñen a España, Italia ou Alemaña. Eu quixen facelos para seguir mellorando e xogar cos mellores. Tiña ofertas doutros equipos pero só falaban comigo unha vez ao mes mentres que o Aldasa se poñía en contacto comigo case todas as semanas", apunta o xogador, quen revela tamén que "outra das cousas que podo achegar ao equipo é que me encanta ver vídeos e estudar e saber como xogan os rivais".

Rodarte trátase dun punto 1 que pode actuar como escolta ou aleiro e que permitirá ao novo técnico vigués, César Iglesias, ampliar as súas posibilidades de rotacións. Respecto ás súas características sobre a pista, é o propio xogador americano o que se define como "rápido e traballador".