Cabecera Vide

Os xogadores do Aldasa Amfiv sométense ás revisións médicas no Hospital Nuestra Señora de Fátima

375juliovilasDespois dunha intensa semana de traballo de cara a preparar o comezo da tempada o próximo 16 de outubro en Sevilla fronte a o Once Andalucía, os nove xogadores cos que conta actualmente o novo técnico do Aldasa Amfiv -Borja Rei é baixa nesta parte inicial da pretempada por motivos persoais- iniciaron na mañá de onte mércores as sesións de recoñecemento médico para comprobar que son aptos para a práctica deportiva.

Os primeiros en someterse ás necesarias probas foron Alberto Abalde, Xullo Vilas, Santi Comesaña e Vicky Alonso. Os catro xogadores do Aldasa acudiron ao Hospital Nuestra Señora de Fátima, que dende a pasada tempada colabora co club vigués ofrecendo un indispensable e inmellorable servizo médico aos integrantes do Amfiv, onde se lles practicou unha análise de sangue, un electrocardiograma e outra serie de probas para certificar o seu bo estado de saúde.

Hoxe xoves será a quenda para os outros cinco integrantes do equipo dirixida por César Igrexas, toda vez que o americano David Rodarte xa regresou da súa viaxe lóstrego a Estados Unidos para acudir a unha recepción co presidente Barack Obama para festexar o seu triunfo coa Universidade de Illinois no campionato nacional norteamericano. Rodarte, que mesmo puido participar na sesión de adestramento deste mércores, acudirá hoxe ao Hospital Nuestra Señora de Fátima, acompañado por David Mouriz, Bernabé Costas, Moncho Pombo e Lorenzo Envó, para completar, por agora, as revisións médicas aos xogadores do Aldasa.

Completar o equipo

Mentres os pupilos de César Igrexas cumpren co imprescindible trámite de superar os exames médicos no Hospital Nuestra Señora de Fátima o director deportivo do Aldasa, José Antonio Beiro, continúa coas súas xestións para conformar definitivamente o equipo do equipo vigués para a tempada 2010-2011. Deste modo, ante a ausencia total e absoluta de noticias sobre o mexicano Eduardo Geovani "Lalo", a opción de renovar o pívot internacional mexicano parece cada vez máis remota e José Antonio Beiro activou outras opcións que permanecían aparcadas á espera de saber que ía acontecer con Lalo. Así, nas últimas horas intensificáronse as xestións para pechar a posible incorporación dun novo e prometedor xogador australiano clase 4, que chegaría a Vigo para reforzar o xogo interior do Amfiv. Neste mesmo sentido, o director deportivo do conxunto vigués tamén quixo dar un novo impulso á posible renovación de Agustín Alejos, quen se atopa en Australia disputando a liga de verán. A intención de José Antonio Beiro é pechar ambas as dúas operacións antes do final desta semana para que Alejos e o punto 4 australiano puidesen incorporarse ao traballo de pretempada ás ordes de César Igrexas o próximo 22 de setembro.