Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

besiktas2César Iglesias xa teñe ao seu equipo ao completo despois de que na mañá de onte aterrasen en Vigo Agustín Alejos e a segunda e última incorporación do equipo vigués para a tempada 2010-2011, o australiano Shawn Russell.

As xestións levadas a cabo durante a fin de semana polo director deportivo do Aldasa, José Antonio Beiro, deron finalmente os seus froitos e o novo técnico do Amfiv contará co xogador interior que necesitaba para equilibrar o equipo grazas á incorporación de Russel. O novo pívot australiano, de só 22 anos, é unha arriscada aposta de futuro xa que sairá por primeira vez do seu país e apenas leva 3 tempadas xogando ao baloncesto en cadeira de rodas, aínda que vén avalado por un compatriota seu como Brett Stibners, ex xogador do Aldasa, e polo propio Agustín Alejos, co que se mediu este verán na liga australiana.

Precisamente, Shawn, un xogador clase 4, chega a Vigo despois de vencer o equipo de Alejos nas semifinais do campionato "aussie" -posteriormente o seu club, os Wollongong Roller Hawks, perderían a grande final ante Perth- e os seus informes sobre o Amfiv non poden ser mellores posto que esta campaña compartiu vestiario na liga australiana co ex xogador do conxunto vigués Brett Stibners e co seu compatriota Tristan Knowles, xogador do Fundación Grupo Norte de Valladolid, tamén lle deu referencias positivas do que vai ser o seu novo equipo.

A última incorporación do Aldasa, internacional australiano sub-23, tiña previsto exercitarse xa na tarde de onte ás ordes de César Iglesias antes de pasar hoxe xoves o imprescindible recoñecemento médico no Hospital Nuestra Señora de Fátima para ser presentado posteriormente, ás 12.30 horas nas instalacións da Fundación VIDE, aos medios de comunicación.