Shawn Russell: "O meu obxectivo é adestrar duro para mellorar e axudar ao equipo"

Imprimir

shawnamfivA segunda e última fichaxe do Aldasa Amfiv para a tempada 2010-2011, o internacional sub-23 australiano Shawn Russell, foi presentado na mañá de onte xoves nas instalacións da Fundación VIDE, nun acto no que o novo xogador do conxunto vigués estivo acompañado por o que será o seu novo director deportivo, José Antonio Beiro, e o vicepresidente do club, Antonio Riveiro, quen exerceu como tradutor.

Russell, que o pasado 16 de xuño cumpriu 23 anos, cumpre a súa terceira tempada como xogador de baloncesto en cadeira de rodas pero o seu potencial chamara a atención do Aldasa xa hai tempo. "Trátase dun xogador ao que estabamos a seguir dende xa hai un par de tempadas. O noso ex xogador Brett Stibners, compatriota seu, xa nos falara moi ben del e Agustín Alejos tamén avalou a súa incorporación despois de velo xogar no verán de 2009 coa selección australiana o Mundial sub-23 e de enfrontarse a el este verán na liga australiana", explica o director deportivo do Aldasa, José Antonio Beiro, quen confía en que "Shawn nos achegue ese plus de altura que nos faltaba" en anos anteriores".

A incorporación do prometedor internacional sub-23 australiano, que competirá por primeira vez fóra do seu país, únese á do americano David Rodarte, quen xa leva dúas semanas exercitándose ás ordes de César Iglesias, e á renovación dos dez xogadores nacionais que defenderon a camiseta do Amfiv a pasada campaña: Agustín Alejos, Julio Vilas, David Mouriz, Bernabé Costas, Santi Comesaña, Vicky Alonso, Alberto Abalde, Moncho Pombo, Borja Rey e Lorenzo Envó. E con estes doce xogadores, Beiro dá por pechado o equipo co que contará César Igrexas esta campaña, aínda que Borja Rey e Alberto Abalde non participarán nos encontros que se disputen lonxe de Vigo por motivos laborais. "O presuposto non dá para máis e teñen que agradecer novamente o esforzo que realizaron os xogadores para seguir no Amfiv porque entenderon a difícil situación que estamos a atravesar e accederon a seguir no equipo a pesar de contar, seguramente, con ofertas económicas máis interesantes,", subliña o máximo responsable deportivo do conxunto vigués.

Shawn chega a Vigo co importante aval dun ex xogador do Aldasa como o seu compatriota Brett Stibners, quen, á súa vez, informou positivamente a Russell sobre o seu novo destino. "Estiven a falar con el e díxome todo o que tiña que saber sobre o equipo e a cidade", explica o punto 4 australiano, quen recoñece que "dos meus novos compañeiros só coñezo a Agustín Alejos porque xoguei contra el na liga este verán".

Del mesmo modo, Shawn aínda descoñece as metas do Amfiv para esta campaña, aínda que ten clara a súa participación nelas. "O meu obxectivo persoal é adestrar duro cada día para mellorar no meu xogo e axudar ao equipo a conseguir o que se propoña. Quero pasar un bo ano en Vigo e crecer como xogador", comenta.

Amigable o sábado

César Iglesias terán apenas tres sesións de adestramento co grupo ao completo antes de que o Aldasa afronte o seu primeiro compromiso de pretempada este sábado no Pavillón de Bouzas ante o Basketmi ferrolano. Será a partir das 18.00 horas.