O novo Aldasa Amfiv mostra maneiras no seu contundente triunfo ante Basketmi

Imprimir

amfivbasketmi25.9.10Aldasa Amfiv 72-20 Basketmi. Certo é que se trata do primeiro partido de pretempada e que César Iglesias a penas dispuxo de catro sesións de traballo co equipo ao completo pero o Aldasa Amfiv 2010-2011 deixou un bo sabor de boca.

E iso sen ter en conta o marcador e a incontestable vitoria dos vigueses ante un rival que milita na División de Honra B e que só aguantou os cinco primeiros minutos (10-4, min.5). Porque o novo adestrador do Aldasa quixo deixar claras as cousas dende o primeiro encontro tanto á que vai ser a súa afección coma aos seus propios xogadores. O Amfiv esta tempada vai correr e pelexar por cada balón coma se fose o último, independentemente do resultado que reflicta o marcador. Así se puido ver este sábado no Pavillón de Bouzas. O choque estaba xa visto para sentenza no descanso (40-14) e completamente rematado no terceiro período (50-20) pero César Iglesias pediu un esforzo de concentración máis aos seus xogadores para afrontar os últimos dez minutos. Estes responderon aplicándose en defensa para deixar sen anotar ao Basketmi e concluír o partido cun último parcial de 22-0 para o 72-20 final.

A intensa e agresiva defensa perfílase como outra dos sinais de identidade para esta campaña dun Amfiv. E, grazas a ela, o conxunto vigués explotará outra das súas grandes virtudes: a velocidade. Porque grazas a contragolpes e rápidas transicións chegaron a maioría dos puntos locais. Contrariamente ao que podería parecer, a celeridade nas accións e a ampla diferenza no marcador non derivaron en desorde e precipitación. O novo preparador do Aldasa logrou sacar o máximo jugo posible a este primeiro amigable de pretempada ao conseguir que os seus pupilos aplicasen o practicado durante estas semanas de traballo durante os 40 minutos de encontro, sen deixarse ao ter a vitoria comodamente asegurada.

374shawnDespois de coñecer as liñas básicas de como será o conxunto vigués nesta campaña 2010-2011, había moita curiosidade por ver en acción ás dúas únicas caras novas do Aldasa para esta tempada: o punto un americano David Rodarte e o punto catro australiano Shawn Russell. Ambos os dous, como o resto dos seus compañeiros, brillaron a un bo nivel tanto físico como de intensidade durante os minutos que estiveron en pista, xa que César Iglesias rotou a todos os seus xogadores, probou múltiples combinacións nos seus quintetos e repartiu case por igual a súa presenza na pista. No individual, Rodarte, como se prevía, mostrouse moi traballador e participativo tanto en defensa coma en ataque, axudando a que os seus compañeiros puidesen conseguir cómodas posicións de tiro. Un dos grandes beneficiados do seu labor foi, precisamente, Shawn Russell. O australiano demostrou a súa fiabilidade para anotar dentro da zona e a súa capacidade para correr, culminando varios bos contragolpes para ser o máximo anotador do Aldasa con 19 puntos.

En definitiva, un prometedor debut dun equipo ao que aínda lle queda moito traballo por diante antes de comezar a tempada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas o próximo 16 de outubro en Sevilla ante o Once Andalucía pero que xa mostrou algunhas das que serán os seus sinais de identidade: intensidade e agresividade defensiva, velocidade e orde.

ALDASA AMFIV: Julio Vilas (2), Bernabé Costas (15), David Mouriz (6), Lorenzo Envó (6), Vicky Alonso (7) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Moncho Pombo (4), Alberto Abalde (2), David Rodarte (-), Shawn Russell (19) e Agustín Alejos (11)
BASKETMI: Teijido (4), Gutiérrez (2), Fernández (4), Tesouro (-), Paz (8) -cinco inicial-, Barroso (-), Pedros (-) e Cantelar (2)
PARCIAIS: 20-8, 40-14 (descanso), 50-20 e 72-20 (final)
ÁRBITROS: J. Marqués e J.L. Mejuto. Eliminaron por cinco faltas persoais o xogador do Basketmi Paz (min.38).
INCIDENCIAS: Encontro amigable disputado no Pavillón de Bouzas.