O inicio do encontro do Aldasa facía presaxiar un mal día. Un parcial de 0-7 para comezar o choque ante un candidato ao título como o Fuhnpaiin Peraleda é unha lousa difícil de levantar.
Especialmente porque nos dez minutos iniciais o conxunto de César Iglesias non estiveron ben nin en defensa, incapaz de frear a Leep, Sagar e Latham, nin en ataque, con demasiados erros de novo en lanzamentos teoricamente cómodos dende debaixo do aro. De feito, eses fallos provocaron o crecente nerviosismo dos locais, que se estreaban ante a súa afección, e derivaron en dolorosas perdas de balón. Outra pedra no camiño.
O novo técnico do Amfiv elixiu estrearse ante o seu novo público cunha aposta polos seus homes altos, colocando en pista a tres xogadores clase catro como Lorenzo Envó, Agustín Alejos e Shawn Russell e a dous puntos un como David Rodarte e Moncho Pombo. A busca dunha maior altura no quinteto non ofreceu os resultados previstos (2-11, min.4) e César Iglesias buscou solucións no banco: Bernabé Costas e David Mouriz. Pero os cambios tampouco ofreceron o resultado desexado. Os fallos nos lanzamentos seguían sendo unha constante e os puntos chegaban ao marcador local con contagotas. Por iso, os dez primeiros minutos finalizaban con 7-20 para os toledanos.
A dinámica parecía manterse no segundo cuarto. O Fuhnpaiin continuaba anotando con asiduidade mentres que o Amfiv se desesperaba cada vez máis polos seus erros. Ben é certo que nestes segundos dez minutos, os fallos viñan acompañados dun incremento na dureza da defensa visitante, rozando en múltiples ocasións a violencia. De aí que as diferenzas fosen pouco a pouco incrementándose (12-30, min.16), alcanzando a súa máxima expresión pouco antes do intermedio (16-37, min.19). Afortunadamente, unha mínima reacción dos vigueses deixaba a desvantaxe por debaixo dos vinte puntos ao intermedio (21-39, min.20).
O intermedio apenas variou a dinámica do encontro porque os locais seguían sin acertar nos seus lanzamentos e así as opcións de remontar minimizábanse. Malia todo, o Amfiv deu a tímida impresión de quererse reenganchar ao encontro ao reducir minimamente a súa desvantaxe (33-49, min.27) pero o Fuhnpaiin reaccionou para pechar o cuarto coa súa renda intacta (35-54, min.30).
Quedaba por confirmar se aínda había algunha remota opción de que un cuarto heroico permitise ao conxunto de César Iglesias dar a volta ao banco. E a dúbida quedou disipada en apenas cinco minutos. Un parcial de 2-8 selaba definitivamente o triunfo toledano (37-62 min.35). Aínda restaban cinco minutos máis de tortura ata a conclusión dun encontro que quedou visto para sentenza no primeiro cuarto. Porque o Aldasa foi vítima dos seus propios erros ante un rival que quere optar ao título e, polo tanto, non perdoa. O nulo porcentaxe de acerto no lanzamento minou a moral dun equipo que rematou alporizado e desesperado, buscando consolo no asubío final (49-71).
ALDASA AMFIV: David Rodarte (2), Moncho Pombo (0), Lorenzo Envó (9), Agustín Alejos (6), Shawn Russell (15) -cinco inicial-, David Mouriz (2), Berni Costas (7), Vicky Alonso (6), Xullo Vilas (2), Alberto Abalde (0).
FUHNPAIIN PERALEDA: Sonia Ruiz (2), Ian Sagar (15), Bill Latham (16), Chema Avendaño (6), Jose Leep (18) -cinco inicial-, Ade Orogbeni (4), Marquina (2), Lara (0), Asier (8).
PARCIAIS: 7-20, 21-39 (descanso), 35-54 e 49-70 (final).
ÁRBITROS: R. Ranera (Madrid) e J. Marqués (Vigo). Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á segunda xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas.
ALDASA AMFIV - FUHNPAIIN PERALEDA 49-71