O Aldasa inicia a segunda volta ante o vixente campión de Liga e Copa, o Once Andalucía

Imprimir

aldasa-once2O primeiro tramo da competición na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas é xa historia. O conxunto de César Iglesias, despois dun titubeante inicio de tempada, pechou a primeira volta na sétima posición cun balance de cinco vitorias e seis derrotas, aínda que cun excelente sabor de boca grazas ao último encontro desta fase inicial da tempada disputado o pasado sábado en Bouzas ante o todopoderoso Fundosa ONCE.

Porque co apoio dun público entregado que case abarrotou o pavillón vigués, o Amfiv tivo contra as cordas aos madrileños, que tiveron que sacar o mellor de si mesmos para facerse co triunfo (64-72). Agora, o Aldasa inicia a segunda volta. Faino con outro importante reto e con ganas de empezar con bo pé. Os pupilos de César Iglesias volven a xogar este sábado (18.00 horas) na casa, ante a súa afección. Reciben o vixente campión de Liga e Copa do Rei, o Once Andalucía. Os sevillanos chegan, ademais, coa presenza no seu banco de Abraham Carrión, a pasada campaña técnico do Amfiv. Sen dúbida, outra motivación máis para os xogadores vigueses. Moito cambiaron as cousas dende que na primeira xornada o Aldasa caeu na pista andaluza (63-56). É o momento de demostralo.

César Iglesias son consciente de que o seu equipo mellorou moito dende o comezo da tempada no mes de outubro, aínda que tamén sabe que aínda queda moito camiño por percorrer ata o final da campaña. "Na primeira volta pasounos factura non ter unha pretempada con máis enfrontamentos de calidade. Por iso, tivemos que traballar o equipo en plena competición e iso custounos perder algúns partidos", apunta o adestrador vigués, quen incide que "na casa nos fixemos fortes pero nos custou demasiado gañar fóra". Iso si, Iglesias teno claro. "Imos traballar duro para mellorar os resultados da primeira volta", sentenza.

A primeira oportunidade chega xa este mesmo sábado e será no escenario onde o Amfiv se sente máis cómodo, o pavillón de Bouzas. Porque na súa casa os vigueses xa tiveron contra as cordas aos dous actuais líderes da competición, o Fundación Grupo Norte (56-59) e o Fundosa ONCE (64-72), e esperan que á terceira sexa a vencida e que o ONCE Andalucía, vixente campión de Liga e Copa, morda o po en Vigo. De tódolos xeitos, o Aldasa non chega a este partido no seu mellor momento. As baixas de Xullo Vilas, recuperándose aínda da súa fractura no xeonllo dereito, e de Alberto Abalde, convalecente dunha operación, marcaron o traballo previo ao encontro do conxunto de César Iglesias. "Foi unha semana de adestramentos dura despois dunha derrota como a que sufrimos no último partido ante o Fundosa ONCE. Ademais, as ausencias de Julioo Vilas e Alberto Abalde fan que non adestremos ben e iso pode que nos pase factura o sábado ante o Once Andalucía. Sen dúbida, teremos que facer un sobreesforzo para gañar", apunta o técnico do Aldasa.

A entidade do rival, que malia perder este verán a xogadores importantes como Alejandro Zarzuela, Pollock ou Sonia se mantén cuarto na táboa cun balance de oito triunfos e só tres derrotas, é manifesta non en van defende o título ligueiro e o da competición do K.O. "É un equipo moi completo, con moi bos tiradores como De Paz ou Navarro. Isto únese á presenza preto dos aros de Vargas. Por iso, teremos que estar moi atentos tanto aos seus lanzamentos coma aos balóns interiores para o que será necesario facer un bo labor defensivo", puntualiza Iglesias.