Cabecera Vide

A parella arbitral evita a remontada do Aldasa ante o Once Andalucía

374aldasa-once3Os madrileños Pinilla e De Agustín, especialmente este último, convertéronse nos inesperados protagonistas do enfrontamento entre o Aldasa Amfiv e o Once Andalucía coas súas polémicas decisións no último cuarto.

Precisamente, o momento no que o conxunto de César Iglesias máis apertaban para culminar a remontada á que se viu obrigado tras regalar os dez primeiros minutos de partido (4-17).

Porque o inicio de encontro dos vigueses foi lamentable, fallando múltiples lanzamentos en posicións claras e cunha defensa presionante a toda pista que era doadamente superada polos sevillanos. Craso erro se en fronte tes ao vixente campión de Liga e Copa e nese equipo milita Diego de Paz, xa que dez puntos neste cuarto inicial poñían as cousas moi complicadas ao Aldasa. E iso que César Iglesias buscaban solucións mediante dous tempos mortos. O primeiro tras o 0-6 inicial cando apenas se consumiran tres minutos de partido e o segundo cando un triplo do propio De Paz poñía o 4-16 no marcador (min.8). Antes intentara, igualmente sen éxito, buscar a reacción colocando xuntos en pista a Alejos, Envó e Russel. Pero nada parecía funcionar (4-17, min.10).

Os locais pareceron despartes no segundo parcial, aínda que os fallos propios seguían permitindo aos visitantes manter as diferenzas en torno aos dez puntos (10-21, min.13; 15-25, min.15). Non obstante, dúas canastras consecutivas de Mouriz e outra máis de Vicky parecían canalizar o choque antes do descanso (21-27, min.19), aínda que de novo Diego de Paz rompía o parcial negativo para os seus antes do intermedio (21-31).

A tónica do partido parecía a mesma tras a reanudación pero algo si cambiara. César Iglesias optaron por colocar na pista a Santi Comesaña e o seu escuro traballo en defensa e en ataque pronto empezou a dar os seus froitos. En parte tamén porque Lorenzo Envó asumiu o mando do encontro anotando 13 puntos neste cuarto, con tres triplos incluídos. De feito, seu foi case por completo, só tivo a axuda dunha canastra de Russell, o parcial de 12-2 que reviviu ao Aldasa e colocou o marcador de 22-35 (min.22) 34-37 (min.25).

A parte difícil estaba feita pero aínda quedaba culminar a remontada. E esta resistíase de novo por dolorosas perdas de balón, que o Once Andalucía non perdoaba (34-43, min.37). Por iso, o técnico vigués viuse obrigado a solicitar un tempo morto para aclarar as cousas. A decisión foi correcta. Un novo triplo de Envó e outro de Costas deixaban todo no aire para os dez minutos decisivos (40-43, min.30).

Aí foi cando a parella arbitral, os madrileños Pinilla e De Agustín decidiron facer a súa aparición. Primeiro foi concedendo unha canastra máis adicional máis que discutible a Pablo Zarzuela e case sen tempo para respirar pitando unha técnica descalificante a Bernabé Costas. Só se consumira un minuto do cuarto decisivo e as cousas poñían moi costa arriba de novo para o Amfiv porque o Once Andalucía aproveitou os regalos (42-52, min.32).

Non obstante, os locais puxeron unha vez máis mans á obra porque se resistían a ver como o partido se lles ía das mans, aínda que se atoparon coa oposición dun ex compañeiro, o marroquí Najib Essahiri, decisivo cos seus 10 puntos neste período. Malia todo, o Amfiv seguía vivo (56-62, min.37). E podía haber o estado máis se os colexiados non regalasen ao propio Najib dous tiros libres nunha clara falta deste sobre Russell. Ou na seguinte acción non anulasen unha canastra do australiano para castigalo cunha falta en ataque. Deste modo, a diferenza abríase (56-66, min.38) e a falta técnica a Moncho Pombo cando se dirixía ao tempo morto solicitado polo seu adestrador era xa a lousa final (56-69, min.38). O Aldasa remara para morrer na beira a mans dunha parella de inesperados protagonistas.

ALDASA AMFIV - ONCE ANDALUCÍA 62-73
ALDASA AMFIV: David Rodarte (-), Bernabé Costas (5), Lorenzo Envó (20), David Mouriz (8), Shawn Russell (15) -cinco inicial-, Agustín Alejos (10), Moncho Pombo (2), Vicky Alonso (2) e Santi Comesaña (-).
ONCE ANDALUCÍA: Israel (7), Josema (-), Pablo Zarzuela (18), Diego de Paz (22), Vargas (16) -cinco inicial-, Najib (10), Mantas (), Vicky (-) e Tania (-).
PARCIAIS: 4-17, 21-29 (descanso), 40-43 e 62-73 (final
ÁRBITROS: Pinilla e De Agustín. Excluíron por cinco faltas persoais o xogador do Amfiv Lorenzo Envó (min.40) e sinalaron técnica descalificante a Bernabé Costas (min.31).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo segunda xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas.