Cabecera Vide

O Aldasa, sen o seu técnico dende o minuto un, cae no último cuarto en Toledo

374shawnO Aldasa non ten sorte cos árbitros. A pasada xornada os madrileños Pinilla e De Agustín foron protagonistas na recta final do choque dos vigueses ante o Once Andalucía (62-73).

Este sábado foi a parella de Badajoz formada por Ríos e Morán a que mediatizou o choque coa súa decisión no primeiro minuto de encontro ao sinalar unha técnica e posteriormente unha descalificante a César Iglesias, técnico do Amfiv., e ao seu director deportivo, José Antonio Beiro "É a primeira vez que me acontece algo así na miña vida. Comento a primeira falta que nos sinalan en contra co noso director deportivo e me pitan unha técnica. Cando pregunto por que, vén o outro árbitro e empúrrame. E cando lle digo que non me empurre, descualifícanme. Nunca me pasara unha cousa así. Non entendo o que nos está a pasar cos árbitros", comenta o adestrador vigués.

O partido non fixera máis que comezar e o Aldasa quedaba descabezado para enfrontarse a un dos favoritos a pelexar polo título ligueiro, o Fuhnpaiin Peraleda. Ademais, os toledanos engadían ao seu triplo inicial o recital de tiros libres polas faltas para poñerse de inicio cunha interesante renda de dez puntos a favor. Non obstante, malia as adversidades, os vigueses non baixaron os brazos e dispuxéronse a esquecer o sucedido para presentar batalla (21-14, min.10).

De feito, o acerto no lanzamento exterior do Aldasa permitiulle non só aguantar o tipo no segundo parcial senón anotarllo para marchar ao intermedio con todas as súas opcións intactas (38-36, min.20).

O varapalo inicial parecía superado. O Amfiv conseguira o máis difícil, abstraerse do sucedido no primeiro minuto do choque cos colexiados e reengancharse ao encontro. E tras o intermedio todo indicaba que o partido ía seguir nesa dinámica, aínda que o xogo interior toledano, formado polo británico Ian Sagar (24 puntos) e o australiano Bill Latham (33), facía moito dano aos vigueses. Malia todo, os pupilos de César Iglesias conseguían chegar con posibilidades aos últimos dez minutos (58-49, min.30).

Pero as opcións de pelexar o triunfo do Aldasa non duraron demasiado porque as expulsións por cinco faltas persoais de Bernabé Costas e Lorenzo Envó complicaban aínda máis a situación aos vigueses e facilitaban o traballo ao Fuhnpaiin. Porque os toledanos aproveitaron para apertar un pouco máis e incrementar a súa renda ata o 81-62 final.

FUHNPAIIN PERALEDA - ALDASA AMFIV  81-62
FUHNPAIIN PERALEDA: Sánchez (2), Leep (10), Ian Sagar (24), Bill Latham (33), Chema Avendaño (9) -cinco inicial-, Ade Orogbeni (3).
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (15), Shawn Russell (6), David Rodarte (1), Lorenzo Envó (25), David Mouriz (7) -cinco inicial-, Vicky Alonso (2), Santi Comseña (2), Agustín Alejos (7).
PARCIAIS: 21-14, 38-36 (descanso), 58-49 e 81-62 (final).
ÁRBITROS: C. Ríos e C. Morán (Badajoz). Sinalaron falta técnica ao adestrador do Amfiv César Iglesias e deseguido descalificante (min.1). Eliminaron por cinco faltas persoais os xogadores vigueses Lorenzo Envó e Bernabé Costas.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo segunda xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.