Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

amfivcarril1Dentro do programa de visitas a estudantes de Vigo e a súa área de influencia que ao longo de toda a tempada desenvolve o Aldasa, os pupilos de César Iglesias recibiron na mañá do pasado xoves un interesante visita no Pavillón de Bouzas.

Os xogadores do Amfiv, encabezados polo responsable das escolas deportivas do club, Antonio Riveiro, mantiveron un encontro especial tanto pola idade dos mozos coma pola súa procedencia e formación. Habituados a realizar exhibicións ante nenos dende os catro ata os dezaoito anos, Agustín Alejos, Shawn Russell, Santi Comesaña e David Rodarte puideron gozar dunha mañá diferente, cun público que xa coñecía o seu deporte e as peculiaridades que encerra a práctica do baloncesto nunha cadeira de rodas. Porque, esta ocasión, desprazáronse ata o pavillón vigués para coñecer un pouco máis sobre o Aldasa os alumnos do Instituto de Ensino Secundario Miguel Ángel González Estévez, da localidade arousana de Carril. Ademais, non eran uns estudantes calquera senón que se trataba de vinte e dous rapaces e rapazas de entre 20 e 30 anos, alumnos de TAFAD (Técnico en Actividade Física e Animación Deportiva), aos que lles gusta o deporte e que se preparan para dedicar a súa vida a el, cun módulo especial na súa formación sobre o deporte minusválido. Por iso, esperaban con especial ilusión o momento de poder compartir a mañá cos xogadores do Aldasa para coñecer máis a fondo o baloncesto en cadeira, os seus métodos de adestramento, preparación, recuperación, normas,... mentres, os pupilos de César Iglesias gozaron como sempre transmitindo os positivos valores do deporte en xeral e do baloncesto en cadeira de rodas en particular aos novos estudantes. E, ademais, puideron ver as súas evolucións sobre as cadeiras nunhas series de lanzamentos a canastra, carreiras e, como non, un pequeno partidillo para que os alumnos de TAFAD do IES Miguel Ángel González experimentasen en primeira persoa a inesquecible experiencia de xogar ao basket dende unha cadeira de rodas.