O Gran Canaria chega tarde ao partido e o Aldasa marcha antes de tempo

Imprimir

374amfivgrancanaria1O encontro foi estraño xa antes de empezar. O Amfiv variaba o seu horario habitual de xogo da tempada, as 18.00 horas, para disputar o choque unha hora máis tarde a petición dos insulares. As combinacións de voos aconsellaban que o compromiso entre o Aldasa e o Econy Gran Canaria comezase ás 19.00 horas para evitar problemas. Pero a medida preventiva non foi suficiente porque ás sete da tarde os insulares remataban aínda de tomar terra no aeroporto de Peinador. Por iso, o partido non se iniciou finalmente ata corenta e cinco minutos máis tarde.

O atraso no comezo do encontro pareceu non pasar excesiva factura nin aos locais, aburridos pola espera, nin aos visitantes, recén saídos do avión. Polo menos, de inicio. Porque os vigueses movían ben o balón buscando as súas mellores opcións aínda que á hora de concretar as accións en canastra non se mostraban excesivamente acertados. Mentres, o Econy Gran Canaria apostaba polas armas que tan bos resultados lle deron durante as últimas tempadas: o lanzamento exterior de Maqui e Manolo, esta campaña apoiadas pola achega dun tres da envergadura de Kulboka.

Por todo isto, o equilibrio era máximo (5-5, min.6) e se o Aldasa abría unha pequena brecha (10-6, min.8), os insulares, que vían como moi pronto tiñan que limitar a presenza en pista de Maqui ao cometer o seu terceira persoal xa no primeiro cuarto, contestaban pronto para pechala (12-12, min.10).

A tónica mantívose ao comezo do segundo parcial, aínda que nesta ocasión á inversa. Agora era o Econy Gran Canaria o que se distanciaba minimamente no electrónico (12-16, min.13) pero un oportuno tempo morto de César Iglesias servía para taponar a ferida (16-16, min.15). De aí que a ninguén lle sorprendese que a igualdade fose máxima ao intermedio (22-22, min.20).

O descanso non lle sentou nada ben aos locais. Os erros defensivos da primeira parte acentuáronse, con numerosos e inexplicables despistes tácticos dun apático e descoñecido Amfiv. Os canarios chegaran tarde ao partido pero os vigueses parecía que ían marchar do choque antes de tempo. Nin sequera as expulsións por cinco faltas persoais de dous dos cuatros canarios, coa limitación que iso supoñía para o xogo interior visitante, espertaron a un Amfiv carente de faísca, que vía como lle escapaba o terceiro parcial (36-43, min.30).

César Iglesias colocou sobre o campo aos seus tres cuatros -Alejos, Russell e Envó- para tratar de aproveitar a superioridade de centímetros, pero a manobra táctica non deu nin moito menos o resultado esperado. O Aldasa, que seguía durmido, non só non recortaba a diferenza senón que vía como esta se incrementaba. Os fallos en situacións doadas debaixo do aro eran unha constante, así como as facilidades en defensa para que os xogadores exteriores insulares puidesen penetrar e anotar con sorprendente facilidade. Por iso, o técnico do Amfiv desfixo o cambio para apostar de novo por os seus cinco habitual. Pero os locais estaban desconectados e non houbo forma de que se enganchasen de novo ao partido. A pelota resistíase a entrar en ataque e en defensa aos vigueses faltoulles a súa pouta e pelexa habituais. A consecuencia, unha dolorosa derrota (50-58) que eleva a catro partidos consecutivos sen gañar a sorte negativa do Aldasa.

ALDASA AMFIV - ECONY GRAN CANARIA 50-58
PARCIAIS: 12-12, 22-22 (descanso), 36-43 e 50-58
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo terceira xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas.