Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

374amfivroldaprensamarzo2011Claro, contundente e sen rodeos. Así se mostrou o director deportivo do Aldasa Amfiv, José Antonio Beiro, no inicio da comparecencia ante os medios de comunicación que na mañá de onte en Vide mantivo acompañado do seu técnico, César Iglesias, e dos xogadores Agustín Alejos e Bernabé Costas para falar sobre a participación do conxunto vigués por sétimo ano consecutivo en competición europea.

Beiro non mordeu a lingua e aclarou de inicio que "se hoxe estamos aquí é grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra xa que eles se van facer cargo do setenta por cento dos gastos que nos vai xerar participar en Europa. Lamentablemente, non podemos dicir o mesmo do alcalde da cidade o nome da cal imos pasear unha vez máis por todo o mundo. En novembro tivemos unha reunión con Abel Caballero e persoalmente díxonos que nos fosemos tranquilos que nos ía axudar. Pouco despois recibimos unha chamada do seu gabinete para informarnos de que participásemos sen dubidalo en Europa porque nos darían unha cantidade que nos animou a facelo. Por desgracia, non volvemos ter noticias do alcalde. Non sei se é que perdeu o noso número ou non nos sabe como encontrar. Por iso, tivemos que recorrer á Deputación, que non dubidou en axudarnos. De aí que non nos quede máis que agradecer a Rafael Louzán, Chema Figueroa e José Enrique Sotelo o apoio que unha vez máis nos mostran".

O Aldasa sairá este xoves ás cinco da mañá para emprender unha longa viaxe ata terras suecas, con chegada prevista a Norrkoping, a localidade onde disputará esta fin de semana a euroliga 1 -competición á que só acceden os quince mellores equipos do ranking continental-, para as 17.00 horas. Será un desprazamento longo e complicado, posible grazas ao inestimable traballo de Karma Viaxes, a axencia que se encarga de xestionar as viaxes do Amfiv. "Fixeron un gran traballo porque levar todo o material que nos fai falta era complicado e a xente de Karma negociou excelentemente con Iberia para que non haxa problemas", agradece de novo José Antonio Beiro.

Serán catro partidos dende a noite do venres ata a mañá do domingo nunha intensa cita na que os pupilos de César Iglesias veranse as caras co Toulouse francés, o Santa Lucía italiano, o Mideba de Badajoz e os anfitrions, o Norrkoping Dolphins. Non obstante, o propio técnico destaca que "o noso obxectivo é gañar a Badajoz. Será o noso primeiro rival -venres 20.45 horas- e é un equipo ao que xa coñecemos. No seu cancha custounos gañar (53-60) porque se trata dun conxunto correúdo, que basea o seu poder anotador nos seus cuatros e ante o cal sufrimos para conseguir puntos".

Iglesias evita marcar metas e prefire ir partido a partido. "Unha vez que remate o encontro co Mideba e antes de que disputemos nosos segundo choque -sábado, 13.30, Toulouse- xa poderiamos ver en directo a todos os rivais e saber un pouco máis sobre o seu nivel. Temos referencias da tempada pasada e desta pero o importante será velos alí. Nós chegamos nun bo momento de xogo a pesar de perder varios partidos plantamos sempre cara á elite non só do baloncesto español senón europeo", destaca o adestrador do Aldasa, quen non esquece que "o noso obxectivo é competir para intentar estar o máis arriba posible pero agora mesmo pensar máis alá do choque ante Badajoz é facer cábalas. Nun formato de competición tan curto e con tantos partidos -1 o venres, 2 o sábado e 1 o domingo-, o primeiro compromiso marca moito e pode converterse nun lastre".

O discurso compárteo o responsable deportivo do club vigués. "Todos os equipos deste grupo realizaron o ano pasado un excelente papel en competicións europeas. O Santa Lucía é o actual subcampión da Copa de Campións. Mideba e Toulouse foron terceiro e cuarto, respectivamente, na Copa André Vergauwen. Nós fomos por terceira vez na nosa historia subcampions da Copa Willi Brinkmann e o Norrkoping foi o campión da Challenge Cup. Por iso, non hai presión ningunha. Temos que gozar e facelo o mellor posible. Para nós xa é un orgullo representar a Vigo, a Pontevedra e a Galicia nesta euroliga. Agora, intentaremos por sétimo ano consecutivo clasificarnos para unha fase final", apunta José Antonio Beiro.

Porque o posto no que o Aldasa finalice esta euroliga 1 será decisivo para saber se continúa a súa aventura europea. As dúas primeiras prazas dan dereito a disputar a máxima competición continental, a Copa de Campións, un reto que aínda se lles resiste aos vigueses. A terceira posición clasifica para a fase final da Copa André Vergauwen. A cuarta, pola súa banda, abre as portas de acceso á Copa Willi Brinkmann mentres que a quinta supón a eliminación.

O título europeo xa se escorreu ata en tres ocasións entre os dedos, aínda que Beiro que "non temos que estar obsesionados con gañar por facer perdido outras veces. A ilusión sempre está aí pero este ano empezamos un proxecto novo e hai que dar tempo ao tempo".

Bernabé Costas, capitán do Aldasa, expuxo a visión do equipo ante esta nova cita europea. "A vitoria do pasado sábado en Barcelona fun importante para subir a moral. Ademais, foi un triunfo traballado porque eles na súa casa son cada vez máis fortes. No partido ante Canarias quizais non estivemos á altura e esta vitoria demostrou un punto de madureza do equipo", subliñou. Costas, ademais, explicou que "en liga este ano non imos demasiado ben aínda que o traballo que facemos nos adestramentos se empeza a notar. Nese sentido, tampouco tivemos sorte porque estamos un pouco limitados polas baixas de Xullo Vilas e Alberto Abalde, que nos condicionan á hora de adestrar e nos esixen un sobreesforzo nos partidos. De tódolos xeitos, temos moita ilusión por intentar facer un bo papel. Xa disputamos tres finais europeas e se temos a sorte de meternos noutra, esa experiencia serviranos para poñerllelo moi difícil a calquera rival".

Agustín Alejos, pola súa banda, falou un pouco máis en profundidade dos rivais. "Sempre tes referencias deles a través de xente coa que xogaches ou coa que te enfrontaches, vendo os resultados da tempada pasada e desta ou a través dos xogadores que coñeces polas seleccións. O Santa Lucía o ano pasado foi campión de Liga e Copa e este ten a Liga practicamente gañada a falta dun par de xornadas e está clasificado tamén para a final a catro da Copa. O Toulouse é o subcampión de Liga e Copa en Francia e vai segundo esta campaña. Ao Mideba xa o coñecemos e o Norrkoping penso que é posiblemente o rival máis débil porque esta tempada perdeu xogadores importantes e a súa liga non ten demasiado nivel", analizou Alejos.

EUROLIGA 1
GRUPO B
NORRKOPING (SUECIA) DO 11 AO 13 DE MARZO DE 2011
Venres 11/03/11
18:30 NORRKÖPING DOLPHINS vs CMB SANTA LUCIA
20:45 ALDASA AMFIV vs MIDEBA EXTREMADURA

Sábado 12/03/11
9:00 CMB SANTA LUCIA vs TOULOUSE I.C.
11:15 MIDEBA EXTREMADURA vs NORRKÖPING DOLPHINS
13:30 TOULOUSE I.C.   vs ALDASA AMFIV
15:45 MIDEBA EXTREMADURA vs CMB SANTA LUCIA
18:00 ALDASA AMFIV vs NORRKÖPING DOLPHINS

Domingo 13/03/11
9:00 TOULOUSE I.C.   vs MIDEBA EXTREMADURA
11:15 CMB SANTA LUCIA vs ALDASA AMFIV
13:30 NORRKÖPING DOLPHINS vs TOULOUSE I.C.