A Euroliga 1 arrincou este venres en Nörrkoping (Suecia) para o Aldasa Amfiv, que perdeu contra o Mideba Badaxoz (56-64) e fixo o mesmo inicio que na Euroliga 1 da tempada pasada e tamén na Willi Brinkmann 2010 (derrota contra un equipo español, o Fundación Grupo Norte)... pero iso non impediu que os vigueses rematasen xogando a súa terceira final continental.
Onte, os vigueses sabían que o partido inaugural podía marcarlles nesta competición e querían un futuro prometedor na súa sétima participación consecutiva en Europa. A boa defensa presionante e o acerto tanto no lanzamento de media distancia de David Mouriz e Lorenzo Envó como debaixo de taboleiros dun inspirado Agustín Alejos permitían ao Aldasa abrir a súa primeira brecha no marcador. Un triplo do propio Envó colocaba o 12-4 no marcador e obrigaba ao Mideba a solicitar o seu primeiro tempo morto (12-4, min.5). A interrupción do partido non lle sentou nada ben ao Amfiv e todo o contrario ao seu rival, que aclarou ideas. A presión xa non era tan efectiva, o balón empezaba a negarse a pasar polo aro e entre Lourenço, Cano e a saída a pista de Muñoz, que revolucionou o choque, os pacenses se reengancharon ao partido (23-20, min.10).
O encontro empezaba a complicarse pero aínda o faría moito máis no segundo cuarto. Un par de erros en contragolpes claros empezaron a pór nerviosos aos vigueses. Ademais, debaixo do aro tamén aparecían os fallos en situacións teoricamente claras e o Mideba creceuse, dándolle a volta ao marcador (26-28, min. 14). Porque o conxunto de César Iglesias xa non se atopaba cómodo sobre a pista. Así se chegou ao intermedio cos estremeños por diante (30-33, min.20) ante un Amfiv ao que lle tremía o pulso.
Como todo é susceptible de empeorar, a situación púxose aínda peor ao comezo do terceiro parcial. Os vigueses regresaron durmidos do vestiario e o seu rival non desaproveitou a ocasión de seguir furgando na ferida (30-39, min.23). O Amfiv tirou, como case sempre, de orgullo para buscar a remontada pero cando parecía a piques de poder conseguilo volvía dar aire ao mideba (34-39, min.25; 41-43, min.27) ata por fin chegar a equilibrar de novo o choque e porse ata por diante para finalizar o cuarto (47-45, min.30).
O máis difícil parecía feito xa. Pero non foi así. Quedaban dez minutos de sufrimento polos constantes intercambios de canastras, un intercambio no que o Mideba mostrouse máis sólido nos momentos decisivos con Canos (36 puntos e 17 rebotes) como brazo executor do Aldasa. Un primeiro tirón dos pacenses obrigou a César Iglesias a solicitar o seu primeiro tempo morto para evitar males maiores (48-51, min.35). Deu resultado pero só momentaneamente (50-51) porque os vigueses tiveron bóla para porse por diante de novo pero a desperdiciaron. Cano non. Catro puntos seus colocaban o 50-55 a falta de tres minutos para o final. O debut na Euroliga púñase costa arriba pero aínda había opcións.
Seguían vivas a falta de dous minutos con 52-57 no electrónico pero non duraron moito máis. A Cano non lle tremeu o pulso nos tiros libres mentres o Aldasa vía como se lle esfumaba o seu primeiro encontro nesta Euroliga 1 (56-64).
Agora toca esquecer esta derrota e descansar de face ao dobre compromiso que espera hoxe sábado aos vigueses. Primeiro, ás 13.30 horas, o Toulouse, cuarto na Copa André Vergauwen 2010. Logo, ás 18.00 horas, os anfitrións, o Nörrkoping Dolphins, con título europeo en 2010 (a Challenge Cup, cuarta competición continental), que completou a xornada inaugural do torneo cunha axustada derrota ante o Santa Lucía romano (46-56), vixente campión de Europa tras gañar o máximo torneo, a Copa de Campións, o ano pasado.
Agora, día chave. Os vigueses perderon en 2007 fronte ao Toulouse (66-63) na André Vergauwen. Hoxe toca resarcirse e logo espera o anfitrión.
A ficha técnica
56. Aldasa Amfiv (30+26): David Rodarche (-), Bernabé Costas (10), Lorenzo Envó (9), David Mouriz (10), Agustín Alejos (17) -cinco inicial-, Moncho Pombo (-) e Shawn Russell (10).
64. Mideba Badaxoz (33+31): Luis Blancas (2), Eusebio Fernández (3), Hugo Lourenço (10), José Manuel Cano (36), Juan Angulo (2) -cinco inicial-, Jesús Muñoz (8), Wataru Horie (3).
Parciais: 23-18, 7-15 (30-33), 17-12 (47-45) e 9-19 (56-64).
Árbitros: Tony Classon e Julián Rebollo. Eliminaron por cinco faltas persoais ao xogador do Aldasa Lorenzo Envó.
Incidencias: Encontro correspondente á primeira xornada da Euroliga 1 disputado no Stadium Area de Nörrkoping (Suecia).