Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

amfivstaO Aldasa Amfiv, que chega a Peinador mañá luns pola noite, despediuse hoxe da súa participación europea esta tempada do peor xeito posible. Logo de non ser quen de gañar ningún dos seus compromisos anteriores e coa certeza de que diante do Santa Lucía italiano o conxunto de César Iglesias ocuparía a quinta posición do grupo e quedaría fóra das fases finais continentais, os vigueses víronse amplamente superados.

 

O Santa Lucia, que tiña matemáticamente asegurada a primeira posición e o pase á Copa de Campións,  amosou por que é o vixente subcampión da Copa de Campións e pasou por enriba do Aldasa practicamente dende o asubío inicial, sen facer concesións e buscando a diferenza máis ampla posible. Como ocurriu na André Vergauwen do 2009, cando os capitolinos machucaron aos vigueses nas Travesas (39-70), resultado que logo sería nefasto para o Amfiv nun triple empate. A de hoxe ten sido xa de feito a maior malleira recibida polo Amfiv en Europa, superando o 67-100 na final da Copa Willi Brinkmann, o ano pasado en Xinebra diante do Fundación Grupo Norte pucelano.

No primeiro cuarto xa quedou meridianamente claro que non iamos ter partido. Os intentos dos vigueses por plantar cara, con novidades no cinco inicial como a presenza de Santi Comesaña e Vicky Alonso, estrelábanse de pleno ante a envergadura de Pellegrini e a velocidade de Sofyane. Ademais, os pupilos de Iglesias mantiñan as súas escasísimos porcentaxes de acerto, un lastre demasiado pesado ao longo de todo o torneo. Por iso, o 20-4 co que se pecharon os dez minutos iniciais apenas extrañou.

Como o Santa Lucia non baixa o pistón, a diferenza non facía máis que apuntar no segundo parcial. O Aldasa aumentaba minimamente a súa produción ofensiva pero non conseguía apontoar o seu defensa, incapaz de frear a superioridade de centímetros de Pellegrini, Rossetti, Cavagnini e Counts. Con ese panorama chegouse ao descanso con 38-16.

Só cabía esperar a relaxación dos transalpinos para non furgar máis na ferida dun Aldasa moi tocado dende a súa derrota o sábado ante o Nörrkoping coa que se confirmaba a súa eliminación europea. O tropezón empezara a fraguarse xa o venres ao caer fronte a un Mideba moi inspirado nesta competición e tomou forma ao non entrar o triplo de Envó que podía supor a vitoria na mañá do sábado ante o Toulouse. Pero o Santa Lucía é un dos mellores equipos do continente precisamente porque non se relaxa e non fai concesións aos seus rivais.

Os vigueses, desexando que rematase xa a tortura, vían pasar os minutos e contemplaban sen poder facer nada por evitalo como os italianos seguían inexorablemente aumentando a súa renda. 54-25 ao final do terceiro cuarto e 81-33 para concluír o choque. Outra dura derrota para completar unha decepcionante actuación europea. Será a primeira vez nos sete anos que o club leva participando en competicións europeas que o Amfiv non dispute unha fase final continental.

Ficha técnica

81. Santa Lucia Sport Roma (38+43): Mohamed Sanna (4), Sofyane Mehiaoui (9), Damiano Airoldi (6), Alberto Pellegrini (20), Matteo Cavagnini (5) –cinco inicial-, Ian Lynch (6), Sergio Cherubini (4), Stefano Rossetti (5), Jacob Counts (18) y Domenico Beltrame (-).

33. Aldasa Amfiv (16+17): Bernabé Costas (8), Santi Comesaña (-), David Mouriz (8), Vicky Alonso (5), Shawn Russell (6) –cinco inicial-, Moncho Pombo (-), David Rodarte (3), Lorenzo Envó (1), Agustín Alejos (2).

Parciais: 20-4, 18-12 (38-16), 16-9 (54-25) e 27-8 (81-33).

Árbitros: Seppo Viljanen, Saskia Wamerdam y Tony Classon. Sen eliminados.

Incidencias: Encontro correspondente á terceira e última xornada da Euroliga 1 disputado no Stadium Area de Nörrkoping (Suecia). O Aldasa Amfiv emprenderá este luns a viaxe de regreso a Vigo, onde ten previsto chegar ás 21:00 horas ao aeroporto de Peinador.