O Aldasa mellora a súa imaxe pero segue lastrado polos seus propios erros e cae co Getafe

Imprimir

374aldasa-getafeÉ difícil comprender como un equipo que defende ben e que fai un correcto traballo en ataque para conseguir boas posicións de tiro non gaña. Pois ben, as dúbidas disípanse vendo un partido do Aldasa Amfiv. Os vigueses conseguen atar as mans a ofensiva do seu rival e atopar os ocos necesarios na súa defensa para lanzar con relativa comodidade pero non son capaces de culminar as súas interesantes accións ofensivas con canastras e págano caro. Xeralmente coa derrota.

Este sábado ante o Getafe repetíronse unha vez máis a historia e o conxunto de César Iglesias engadiu un novo tropezo á súa cuadrícula (50-55). Non obstante, a nota positiva estivo na capacidade de reacción mostrada polos xogadores do Amfiv, que se souberon refacer anímicamente tras a dolorosa eliminación europea da semana pasada e pelexaron pola vitoria ata o asubío final.

O inicio do encontro xa deixou claro que os afeccionados presentes no Pavillón de Bouzas ían poder ver a outro Aldasa moi diferente ao que competiu en Norrkoping. As ganas de agradar dos pupilos de César Iglesias eran máximas e notábanse en cada acción. Sabíase que grande parte do potencial do CID Casa Murcia Getafe se centra no seu referente ofensivo, o máximo anotador da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas con máis de 30 puntos de media por partidos, Joshua Turek. Por iso, as axudas para evitar os seus lanzamentos eran constantes e Turek, moi ben vixiado durante todo o choque, baixou as súas medias habituais quedando unicamente en 15 puntos á conclusión do partido. Ademais, a presión a toda pista formulada polo técnico do Amfiv, que saíu de inicio cos seus tres homes altos -Alejos, Envó e Russell- xunto a Rodarte e Comesaña, incomodaba notablemente aos visitantes.

A parcela defensiva estaba máis ou menos controlada e en ataque os puntos ían chegando, en boa medida grazas a un inspirado Agustín Alejos (7 puntos no primeiro cuarto para 21 no total). De aí que a iniciativa no marcador fose para os locais (9-4, min.5), aínda que sen grandes alegrías posto que nos momentos nos que tiñan bóla para abrir brecha non acertaban a definir (15-10, min.10).

A tendencia mantíñase invariable no segundo cuarto a pesar de que si se empezaban a acentuar os erros en lanzamentos en posicións claras dos vigueses. O Getafe, que non ocupa a cuarta posición na clasificación por casualidade, aproveitou unha deses momentos de fallos do Aldasa para encadear un parcial de 0-6 e poñerse así por primeira vez por diante no marcador (19-20, min.17). Non obstante, os vigueses reaccionaron por medio de Alejos e Mouriz para volver tomar a iniciativa (23-20) e mantela ata o intermedio (27-24, min.20).

Pero o descanso pareceu non lle sentar nada ben os pupilos de César Iglesias. O partido reiniciouse con dúas canastras consecutivas do enorme pívot do CID Casa Murcia Getafe, Jason Walley, aínda que, de novo, o Aldasa reaccionou cunha canastra de Envó e un triplo de Alejos para conservar a súa mínima pero interesante vantaxe (32-28, min.23).  A partir deste momento, o partido entrou nunha sucesión de imprecisións, con múltiples balóns perdidos e tiros fallados por un e outro equipo, co que o marcador apenas se moveu ata o comezo do último período. Especialmente, por parte local. Así, un parcial de 4-10 permitía aos madrileños iniciar os dez minutos decisivos por diante no marcador (36-38, min.30).

César Iglesias intentaron dar unha volta de rosca máis á súa defensa no comezo deste último período sacando a pista ao recuperado Julio Vilas, que volvía tras varios meses ausente por unha fractura no seu xeonllo dereito. A xogada non surtiu o efecto oportuno porque o Getafe empezou a abrir oco (38-46, min.34). Afortunadamente, a cuarta persoal de Turek abría a porta á posibilidade de que os visitantes quedasen orfos do seu referente ofensivo. Ademais, Pennie, outra das pezas importantes dos madrileños, cometía o seu quinta persoal e era eliminado. Por iso, César Iglesias tivo que pedir tempo morto para aclarar ideas cando con 41-49 (min.36) se consumía un minuto enteiro sen que os locais conseguisen aproximarse no electrónico.

Un roubo de Agustín Alejos e dous tiros libres seus convertidos uníanse á quinta persoal cometida en ataque por Turek (43-49, min.38). Parecía que todo se lle poñía de cara ao Aldasa pero na seguinte xogada se perdía inexplicablemente o balón e Ryan anotaba solo en contragolpe (43-51). Era un golpe duro pero aínda quedaba tempo. Iglesias apostou por levar os seus rivais á liña de persoal para evitar que o reloxo correse en contra dos intereses do seu equipo. A estratexia non estaba a dar os froitos desexados porque aínda que os xogadores do CID Getafe non estaban finos dende a liña de tiros libres, o Amfiv non aproveitaba logo as súas ocasións para reducir a desvantaxe. E o tempo pasaba demasiado rápido para os intereses locais. Por iso, cando a un minuto para a conclusión e con 46-54 no marcador os árbitros sinalaron falta antideportiva sobre Agustín Alejos, o público de Bouzas viu como se abría de par en par a posibilidade. Pero Alejos non acertou cos tiros libres ao igual que Envó co triplo na xogada posterior e a opción se esfumaba. Non obstante, os locais continuaron pelexando ata o asubío final, forzando aos visitantes a ir continuamente á liña de persoal, aínda que xa só para deixar o marcador final en 50-55.

ALDASA AMFIV - CID CASA MURCIA GETAFE 50-55

ALDASA AMFIV: Lorenzo Envó (11), Santi Comesaña (-), Shawn Russell (6), David Rodarte (-), Agustín Alejos (21) -cinco inicial- Bernabé Costas (2), David Mouriz (8), Moncho Pombo (2) e Julio Vilas (-).

GETAFE: Turek (15), Vero (8), Ryan (7), Pennie (6), Walley (10) -cinco inicial-, Quevedo (6), Daniel (-), Javito (3).

PARCIAIS: 15-10, 27-24 (descanso), 36-38 e 50-55 (final)
ÁRBITROS: Rebolo e González. Eliminaron por cinco faltas persoais os xogadores do Getafe Pennie (min.35) e Turek (min.38) e os do Aldasa David Rodarte (min.36) e Lorenzo Envó (min.40).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á décimo sexta xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas. 150 espectadores.