Vive a súa primeira tempada como máximo responsable deportivo do Aldasa Amfiv despois de toda unha vida dedicada ao club, no que realizou todas as funcións posibles. José Antonio Beiro asumiu a dirección deportiva da entidade o pasado verán para axudar e dar descanso ao presidente e fíxoo coa máxima ilusión e ganas.
Agora, a penas nove meses despois, José Antonio xa experimentou os desgustos da función directiva. Doeulle especialmente na alma a recente actuación do conxunto vigués na euroliga 1 disputada na localidade sueca de Norrkoping. O Amfiv, por primeira vez na súa historia, quedaba fóra dunha fase final continental despois de seis anos xogándoas ininterrompidamente e de tres subcampionatos europeos. Por iso, non mordeu a lingua ao asegurar que "fomos a Norrkoping a facer o ridículo. Creo que algúns xogadores non estiveron á altura do que espera deles".
Non obstante, os pupilos de César Iglesias mostraron unha reacción, un cambio de actitude, o pasado sábado ante o CID Casa Murcia Getafe. A imaxe, a pesar de que o encontro se perdeu polos numerosos erros no lanzamento (50-55), foi diferente e o Aldasa mostrou a loita e a entrega que se converteron nos seus sinais de identidade. Sen dúbida, unha excelente noticia para un conxunto que esta fin de semana volve afrontar unha cita de máximo interese: a Copa do Rei. Ademais, a cita, que se celebrará o sábado e o domingo en Marbella, obrigará aos vigueses a mostrar a mellor versión de si mesmos porque o sorteo, unha vez máis, foi cruel co Amfiv. Deste modo, o rival en cuartos de final (sábado, 10.00 horas) será o todopoderoso Fundosa Once e en caso de superar esta complicadísima eliminatoria esperaría nas semifinais (sábado, 17.00 horas) o vencedor do choque entre o Fuhnpaiin Peraleda e o Once Andalucía.
José Antonio Beiro é consciente de que as opcións de pelexar polo título son escasas pero non renuncia a elas. A eliminación europea é xa historia. O Aldasa ergueuse do chan e mira optimista cara ao futuro. "Sinto que a actitude do equipo cambiou e que, malia as dificultades que ofrece o cadro, podemos facer un bo papel", resalta o director deportivo, quen incide en que "o máis importante é que non se repita a imaxe que mostramos" en Norrkoping". E móstrase plenamente convencido de que non será así porque "vexo aos xogadores moito máis implicados e nun momento de forma moito mellor que naquel momento".
O debut copero do Amfiv será da máxima esixencia. Para empezar, os pupilos de César Iglesias terán que enfrontarse ao actual líder da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, o Fundosa Once, aínda que os madrileños ocupan a primeira praza de forma provisional posto que o Fundación Grupo Norte ten un encontro menos disputado. De feito, ao Fundosa só lle resta esperar un tropezo vallisoletano para ter opcións de facerse co título ligueiro. Por iso, será un adversario aínda máis complicado nesta Copa, na que terá a posibilidade de lograr un título que xustifique a súa tempada. José Antonio Beiro sabe que ese primeiro escollo será difícil pero nin moito menos insalvable. No choque ligueiro disputado en Bouzas (64-72), o Aldasa xa demostrou que se ten un bo día pode inquietar ao Fundosa. "Estamos nunha parte do cadro bastante complicada pero tamén sabemos que no caso de conseguir superar os cuartos de final estaremos nunha boa posición porque sería un reforzo anímico moi importante. Ademais, logo mediriámonos seguramente a Toledo, que creo que é favorito ante o Once Andalucía, e sinceramente vexo moito máis complicado vencer ao Fundosa que gañar ao Fuhnpaiin. Todo dependerá do que pase nese primeiro partido ante os madrileños. Se estamos finos e as cousas nos saen ben, podemos ter opcións", analiza Beiro.
XXXIII COPA DE S.M. O REI DE BALONCESTO EN CADEIRA DE RODAS
MARBELLA 2011 - Pazo dos Deportes de San Pedro de Alcántara
Sábado 26 de Marzo
Cuartos de Final
10.00 horas:
(A) FUHNPAIIN PERALEDA TOLEDO - ONCE ANDALUCÍA (Pista central)
(B) C.D. FUNDOSA ONCE - ALDASA AMFIV VIGO (Pista lateral)
12.00 horas:
(C) FUNDACIÓN GRUPO NORTE - MIDEBA EXTREMADURA (Pista central)
(D) C.I.D. CASA MURCIA GETAFE - LAS PALMAS DE GRANDE CANARIA BSR (Pista lateral)
Semifinais
17.00 horas:
(E): Vencedor 'A' - Vencedor 'B'
19.15 horas:
Concurso de Triplos
20.00 horas:
(F): Vencedor 'C' - Vencedor 'D'
Domingo 27 de Marzo
9.30 horas:
3º e 4º Posto
Perdedor 'E' - Perdedor 'F'
11.30 horas:
Partido exhibición: BSR Marbella - combinado
12.30 horas:
Final
Gañador 'E' - Gañador 'F'
14.30 horas:
Clausura e entrega de trofeos