O Aldasa, sen presión, buscará dar a sorpresa ante un Valladolid que non pode fallar

Imprimir

amfivbasketmi25.9.10O Aldasa Amfiv pode converterse este sábado en Valladolid (19.00 horas) en protagonista case involuntario da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas. Os vigueses, coa permanencia practicamente asegurada tras o seu triunfo da pasada xornada en Badalona (41-68), visitan a cancha do Fundación Grupo Norte, un rival que non pode permitirse ningún tropezo no que resta de tempada se quere conservar o seu liderado virtual e gañar a liga.

No partido da primeira volta disputado en Bouzas, os pupilos de César Iglesias xa foron capaces de poñer en moitos problemas os valisoletanos, que estiveron contra as cordas nos instantes finais dun choque no que o Aldasa tivo nas súas mans facerse coa vitoria (56-59).

Precisamente, o técnico do Amfiv incide nesa falta de presión como un dos factores que pode xogar a favor do seu equipo para intentar dar a sorpresa en Valladolid. "Afrontamos este partido como o fixemos no que xogamos na casa, sabendo que nos medimos a un rival que por presuposto e potencial do seu equipo é candidato a gañar todas as competicións que xoga pero tamén conscientes de que, sobre todo ao ser o encontro na súa pista, non temos nada que perder e si moito que gañar", explica Iglesias, quen puntualiza que "nós estamos nunha cómoda posición en metade da táboa. Despois da vitoria da semana pasada non hai perigo de descenso, non matematicamente pero si na práctica porque teriamos que perder todos os nosos partidos e os de abaixo gañar todos os seus. De tódolos xeitos, queremos aproveitar esa tranquilidade para ir partido a partido e tratar de rematar a campaña o máis arriba posible".

Unha tranquilidade que, pola contra, non terá o Fundación Grupo Norte. "Eles están a xogar a Liga con Fundosa e con Toledo. Saben que non poden fallar para non ter problemas. Tendo en conta iso, debemos intentar estar no partido en todo momento e chegar ao final con opcións para que noten os nervios, a tensión e a presión", recalca o adestrador vigués.

Iglesias viviu varias veces esta tempada unha situación similar co seu equipo pero espera que nesta ocasión o resultado final sexa distinto. "Tivemos varios partidos ante equipos de arriba nos que estivemos aí para gañalos pero fallamos nos momentos clave. Estou a falar de Valladolid, Fundosa ou o propio Getafe. Penso que para aprender a gañar este tipo de encontros hai que perder antes moitos e nós xa perdemos bastantes. Esperemos que se chega esa ocasión de novo saibamos como xestionar, como realizar as cousas para gañar. Ogallá este sábado vivamos outra vez unha situación desas", desexa.

De momento, Iglesias móstrase moi contento co traballo realizado polo equipo durante a semana. "A verdade é que foi unha semana intensa, na que a xente adestrou moi duro. Agora temos que trasladar esa dureza ao partido, poñela en práctica", apunta o adestrador do Amfiv, quen resalta que "aínda que xa non estamos a introducir cousas novas, si que seguimos mellorando outras, matizando aspectos. Os xogadores collen cada vez mellor as cousas. Moitas veces xa nin sequera fai falta a lousa. Iso demostra que o equipo pouco a pouco vai rodándose. Foi unha boa semana de adestramento na que gastamos 30 minutos de tiro específico coa finalidade de mellorar as porcentaxes de lanzamentos que temos, o noso gran problema esta campaña".

Respecto ao Fundación Grupo Norte, Iglesias apuntan, como é obvio, que a súa gran baza son os seus tres xogadores con maior envergadura: Tristan Knowles, Dan Highcock e Alejandro Zarzuela. Desta tripleta, é o xogador clase 3 andaluz o que máis problemas creou ao Aldasa en Bouzas sendo o máximo anotador pucelano con 20 puntos. "É un xogador que se colle a posición dentro che destrúe. Hai que telo controlado. Zarzuela fíxonos moito dano na casa polos seus puntos e polo rebote, concedendo moitas segundas opcións ao seu equipo. Eles buscan moitas pantallas para Highcock e Knowles mentres que Zarzuela se aproveita traballando co punto baixo do que xeran estes dous xogadores", analiza o técnico do Aldasa. Por iso, para ter opcións de lograr o triunfo é importante "premelos moito porque cando chegan os tres grandes ás súas posicións fan dano. Teñen o cinco para cinco moi ben traballado pero en Bouzas creámoslles problemas premendo. Hai que cambiarlles o ritmo de partido. Por exemplo, o outro día na final da Copa do Rei fíxoos moito dano ante o Fundosa esa presión".