Cabecera Vide

O Aldasa aproveita a primeira das dúas semanas consecutivas sen Liga para cargar pilas

374rueda amfiv 2011A dolorosa derrota encaixada o pasada sábado en Valladolid ante o Fundación Grupo Norte (78-41), nunha segunda parte desastrosa dos vigueses, obrigaban a César Iglesias e os seus pupilos a realizar un exercicio de autocrítica para avaliar os motivos dunha derrota que entraba dentro do esperado pero non así a contundencia do marcador.

E a mellor forma de retomar o camiño, esquecer o resultado e mirar xa cara aos próximos encontros que restan para finalizar a tempada é volver ao traballo. Por iso, a pesar de que tanto esta fin de semana como o próximo non haberá competición na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, o Aldasa Amfiv mantivo o seu ritmo normal de adestramentos, realizando, ademais, "un traballo moi positivo", en palabras do seu técnico, durante estes días.

César Iglesias mostrouse contento pola reacción mostrada polos seus xogadores ao longo desta semana. "Adestramos ben, duros e con intensidade. Falamos do sucedido en Valladolid, cremos que sabemos que nos pasou e como podemos intentar evitar que volve suceder", reflexiona. E iso que o adestrador do Aldasa non puido contar con todos os seus xogadores pola ausencia durante toda a semana do internacional australiano Shawn Russell, quen se atopa en Roma (Italia) nunha concentración da selección absoluta "aussie", e tampouco puido dispoñer do americano David Rodarte na sesión do xoves ao ter que desprazarse o xogador norteamericano a Madrid para solucionar uns trámites coa súa embaixada.

O bo traballo realizado durante a semana polos seus xogadores abrandou o corazón de César Iglesias, quen medita dar vacacións aos seus pupilos durante a Semana Santa aproveitando que a próxima fin de semana tampouco haberá competición. De tódolos xeitos, a súa decisión final estará supeditada á última sesión de traballo programada ata o momento que será o próximo martes. "Se traballamos ben, dareilles vacacións. Pola contra, adestraremos o mércores seguro aínda que iso supoña que nos perdamos ver a final da Copa do Rei de fútbol", subliña Iglesias.