Cabecera Vide

O Aldasa regresa á Liga este sábado recibindo ao Lagun Aro

amfivtiempomuertopabellonDespois de dúas semanas sen competición pola Semana Santa e pola celebración das finais continentais (Challenge Cup e André Vergauwen), o Aldasa Amfiv regresa este sábado á competición na División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas recibindo o penúltimo clasificado, o Lagun Aro Bilbao Basket.

A principal novidade para o encontro ante os vascos, un conxunto no que militan vellos coñecidos da afección do Amfiv como o técnico Javier Sandomingo "Sando" ou os xogadores Cristian e Olivier Barseló, será o horario do choque, que finalmente se celebrará ás 19.00 horas, unha hora máis tarde do horario habitual dos pupilos de César Iglesias como locais.

O conxunto vigués viuse obrigado este mesmo luns a solicitar o cambio de hora de urxencia á Federación Española de Deportes para Minusválidos Físicos, atopándose dende o primeiro momento coa total predisposición e colaboración por parte do Lagun Aro para disputar o enfrontamento no novo horario. Por iso, o ente federativo non puxo ningún inconveniente e o choque xogará finalmente ás 19.00 horas.

Mentres, no estritamente deportivo, o Aldasa regresou este martes aos adestramentos despois dunha semana de vacacións para desconectar e repoñer forzas de cara a esta recta final da tempada. Catro partidos restan para concluír a campaña na División de Honra de Baloncesto en cadeira de rodas, dous en Bouzas (Lagun Aro e Mideba Badajoz) e dous a domicilio (Clínicas Canto Amivel e Fundosa Once). Catro choques ante dous rivais da zona baixa da táboa -Lagun Aro e Amivel-, o todopoderoso Fundosa Once e un equipo como o Mideba que se atopa empatado na clasificación cos vigueses. Catro encontros nos que o Amfiv tratará de sumar o maior número posible de vitorias para pechar a tempada co mellor sabor de boca posible.