Cabecera Vide

O Aldasa Amfiv busca a permanencia matemática ante o Lagun Aro

374cristian yolivieO conxunto de César Iglesias regresan este sábado á División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas despois de quince días sen competición e faino nun horario diferente ao acostumado xa que o seu compromiso ante o Lagun Aro Bilbao no Pavillón de Bouzas será ás 19.00 horas e non ás 18.00 horas como adoita ser habitual.

A visita do penúltimo clasificado preséntase como unha grande ocasión para engadir outro triunfo á cuadrícula dun Aldasa Amfiv que nas catro xornadas que restan para finalizar a campaña só ten o obxectivo de rematar o máis arriba posible na táboa clasificatoria, sen posibilidades xa de pelexar polos primeiros postos e coa permanencia na máxima categoría nacional xa practicamente garantida unha tempada máis. De feito, unha vitoria este sábado ante os vascos certificaría xa matematicamente a permanencia dos vigueses na División de Honra.

O técnico do Amfiv espera que a falta de competición estes últimos quince días e a ausencia dun obxectivo claro polo que loitar non pasen factura ao seu equipo ante un rival que si estará pleno de motivación posto que necesita gañar para seguir vivo na loita por manter a categoría. Por iso, Iglesias apunta que "a estas alturas de tempada xa non se adestra tan duro. Fanse máis adestramentos chamados de descarga e o que se quere é xogar partidos. De aí que todos estes paróns sexan malos para os xogadores, que están ansiosos por volver xogar tras quince días sen facelo".

O traballo neste período de tempo "estivo ben. Tivemos uns días de descanso e parece que a xente volveu con gañar", explica Iglesias, quen, non obstante, non poderá contar co seu equipo en perfectas condicións. "Berni vai ser dúbida para o partido, aínda que esperamos que poida estar, por unhas molestas feridas na planta do pé. O médico recomendoulle descanso e como Xullo Vilas tamén tiña algúns problemas no xeonllo lesionado decidimos prescindir do adestramento do venres para tratar de chegar ao partido o mellor posible", puntualiza o técnico vigués.

Iglesias sabe que o seu equipo carece practicamente de alicientes clasificatorios pero como bo deportista busca sempre novos retos. Por iso, subliña que o obxectivo nos catro partidos que quedan para finalizar a tempada é "repetir ou mellorar se podemos a primeira volta, na que gañamos a Lagun Aro, Amivel e Mideba e perdemos dando a cara ante o Fundosa Once. O importante, sobre todo, é coller aos equipos que están por debaixo nosa na táboa e demostrar que estamos a xogar mellor ca eles".

Malia todo, Iglesias non se fían dun Lagun Aro que gastará en Vigo unha das opcións que lle restan para intentar lograr a permanencia. "É un equipo ao que gañamos na súa pista por 54-74, un resultado que pode resultar enganoso porque foi un partido moi traballado no que pouco a pouco conseguimos abrir brecha no último cuarto. Teñen un catro, Juanjo, que cando colle a posición debaixo do aro fai bastante dano. Ademais, rompéronnos bastante ben a presión e iso creounos problemas. Están a pelexar pola salvación e van vir con todo o seu ímpeto e gañar", comenta o adestrador do Aldasa.

O Lagun Aro conta, ademais, coa vantaxe de ter nas súas filas tres membros que coñecen moi ben o Pavillón de Bouzas: o técnico Javier Sandomingo "Sando", e os xogadores Cristian e Olivier Barseló. "Imaxínome que para eles será un partido especial porque estiveron aquí no Amfiv. Para min, como non convivín con eles, será un encontro máis aínda que tamén pode que se enfrontar a antigos compañeiros ou a un ex técnico pode que sexa un plus de motivación para os nosos", finaliza Iglesias.

DÍA DA NAI

Como xa fixese con motivo da festividade de San José e o Día do Padre, os xestores do Aldasa Amfiv decidiron recompensar a fidelidade dos seus afeccionados e homenaxear a todas as nais cun día de adianto. Deste modo, todas as nais que acudan cos seus fillos a presenciar o partido deste sábado ás 19.00 horas no Pavillón de Bouzas poderán entrar ao partido de forma gratuíta.