O Aldasa Amfiv tirou pola borda o traballo realizado durante os primeiros trinta minutos nun pésimo último cuarto no que un parcial de 22-6 permitiu ao Clínicas Canto Amivel facerse co triunfo (59-55) e dar un importantísimo paso na súa loita por continuar a próxima campaña na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.
Despois dun bo primeiro tempo, os pupilos de César Iglesias, posiblemente tamén por un incremento na intensidade dos locais, non mantiveron o ritmo na reanudación e, a pesar de finalizar o terceiro cuarto cunha interesante renda (37-49, min.30), viron como pouco a pouco os malagueños foron recortando a diferenza ata poñerse xa definitivamente por diante no marcador no último minuto para conseguir unha inesperada vitoria. De aí que o resumo do choque do técnico do Aldasa fose simple. "Na primeira parte o equipo estivo ben. Defendemos ben e atacamos ben, é dicir, competimos. Na segunda, atacamos mal e defendemos peor, protestando ao árbitro todas as accións do partido. Eles saíron máis duros e nós fómonos do partido. Ata agora iso só nos pasara cando equipos da zona alta da táboa endurecían o choque pero nesta ocasión pasounos cun dos de abaixo", explica César Iglesias.
O marcador do encontro corrobora a análise do partido realizado polo técnico vigués. Porque os primeiros dez minutos foron igualados, case de toma de contacto, pero o asalto inicial caeu do lado do Amfiv (12-16, min.10). E co paso dos minutos, os visitantes seguían asentándose na pista, cun ataque fluído e unha defensa efectiva, para incrementar a súa renda e marchar ao intermedio con máis de dez puntos de vantaxe (24-35, min.20).
Non obstante, o paso por vestiarios cambiou a dinámica do choque. Os xogadores locais recordaron o moito que se estaban a xogar neste partido e apertaron os dentes en defensa, endurecendo o partido e subindo moitos puntos a súa intensidade. O Aldasa, pola contra, non ten un obxectivo clasificatorio claro nesta recta final de campaña e, ademais, cometeu o erro de pensar que xa tiña o traballo feito, especialmente cando a pesar de todo concluía o terceiro parcial cunha diferenza máis que interesante ao seu favor (37-49, min.30).
Pero o Clínicas Canto Amivel estaba vivo, moi vivo, aproveitando que o seu rival lle dera aire e quería apurar as súas opcións de conseguir un triunfo importante, vital, na súa pelexa co Lagun Aro Bilbao por seguir a próxima tempada na máxima categoría. Por se fose pouco, os vigueses empezaron a precipitarse, con tiros rápidos e mal seleccionados, aos que se engadiron varias perdas de balón en contragolpes e catro accións seguidas falladas debaixo do aro rival. "Foi un cuarto horrible. Deixámoslles meterse no partido e cando quixemos reaccionar xa non puidemos", resume Iglesias o 22-6 encaixado nos dez minutos decisivos.
E, aínda así, a vitoria puido ser do Aldasa. De feito, o técnico vigués recorda aínda molesto como "se puxeron por enriba no marcador no último minuto e logo nós fallamos tres accións seguidas debaixo do seu aro mentres que eles anotaron unha canastra máis adicional despois de capturar tres rebotes ofensivos consecutivos".
CLÍNICAS CANTO AMIVEL - ALDASA AMFIV 59-55
CLÍNICAS CANTO AMIVEL: Tarik Lakniz (13), Jesús Romero (4), Leo Pekka Tahti (9), Mohamed Jonardi (4), J.M. González (13) -cinco inicial-, Álvaro Mora (16).
ALDASA AMFIV: Julio Vilas (4), David Mouriz 6), Shawn Russell (4), David Rodarte (2), Lorenzo Envó (10) -cinco inicial-, Agustín Alejos (12), Bernabé Costas (18), e Vicky Alonso (1).
PARCIAIS: 12-16, 24-35 (descanso), 37-49 e 59-55 (final).
ÁRBITROS: Piñol e Luque. Eliminaron por cinco faltas persoais o xogador do Aldasa Amfiv Shawn Russell.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á vixésima xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.