Cabecera Vide

O Aldasa xoga ante o Mideba a sétima praza no último encontro ante a súa afección

aldasa-getafe1A tempada chega a súa fin na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas e os vigueses, coa permanencia garantida dende fai xa dúas xornadas e sen aspiracións maiores na táboa clasificatoria, esperan impacientes a conclusión da campaña. Este sábado afrontan ante o Mideba Badajoz o seu último encontro no Pavillón de Bouzas (18.00 horas) e xa só quedará a visita dentro dunha semana a Madrid para pechar a tempada ante o Fundosa Once.

Non obstante, a inesperada derrota sufrida a pasada xornada en Málaga ante o Amivel (59-55), tras un último cuarto desastroso cun parcial de 22-6, outorga ao compromiso deste sábado ante o Mideba unha importancia especial posto que os pupilos de César Iglesias deben gañar este encontro para garantirse a sétima praza na táboa clasificatoria. Ademais, xogadores, corpo técnico e afeccionados do Aldasa aínda teñen recente na memoria a derrota sufrida en Norrkoping (Suecia) ante os extremeños no primeiro partido da euroliga 1, unha derrota que supuxo un duro lastre para a participación do Amfiv na máxima competición continental e que marcou decisivamente a súa traxectoria neste torneo e derivou na súa non clasificación para algunha as fases finais europeas por primeira vez.

César Iglesias, técnico do Aldasa, é o primeiro en recoñecer que "a tempada se fai longa. Hai xogadores, como xa sucedeu o outro día en Málaga, que desconectan e non teñen a concentración necesaria. Iso nótase tamén nos adestramentos. A calidade do traballo non é boa e iso pásanos factura nos partidos. A valoración do global da campaña non pode ser mala porque o noso equipo non demostrou na pista ter máis calidade que os equipos que están por enriba nosa na táboa. Agora é importante traballar e rematar estas dúas semanas o mellor que saibamos porque iso nos custa perder partidos e tirar pola borda o traballo de toda a semana".

Pero o adestrador vigués tamén é consciente de que aínda quedan dous partidos por xogarse e non é momento de deixarse levar. O sétimo posto é un obxectivo claro polo que pelexar, ademais de tratar de mostrar a mellor imaxe no último encontro da tempada ante a afección do Pavillón de Bouzas. "Toda a tempada estivemos por diante do Mideba na clasificación, a pesar de que perdemos o partido da euroliga ante eles. Está claro que se gañamos, como teremos o basket average a favor, asegurariamos a sétima praza. Para conseguilo temos que tratar de facer as cousas ben e controlar xogadores como o mexicano Brancas ou o portugués Lourenço e, especialmente, a Cano, que en Europa nos fixo moito dano. Eles tres son a base en anotación dun equipo que pelexa moito e que van todos a unha", resalta César Iglesias, quen insiste en que a clave estará en que "se non temos a tensión e as ganas suficientes durante todo o encontro, o pasaremos mal. Pero debemos facelo todo o partido. Non nos vai valer cun anaco, dez minutos ou o primeiro tempo. Se imos a por todas dende o principio e saímos duros, teremos opcións de vitoria".

Iglesias seguen sin comprender como "empezamos ben un partido, concentradas e facendo as cousas que falaramos pero temos dez, quince ou vinte minutos nos que desaparecemos da pista. Os xogadores, as instrucións e as xogadas son as mesmas. Non cambian. É só a mentalidade o que varía, un dos males deste equipo durante todo o ano. É, sobre todo, un problema mental. Se controlamos iso, controlaremos o partido. Se non, será o partido o que nos controlará a nós".