Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

374aldasa-midebaEra o último partido da tempada na casa. O Aldasa Amfiv pechaba o ano ante a súa afección nun choque que, ademais, tiña outra serie de alicientes para o conxunto de César Iglesias. En primeiro lugar, recuperar a confianza perdida tras a inesperada derrota sufrida a pasada xornada en Almería ante o Clínicas Canto Amivel. En segundo, saber que un triunfo supoñía asegurar de forma matemática a sétima praza na táboa clasificatoria.

E, por último, o rival, o Mideba Badajoz, o equipo que derrotou os vigueses no primeiro encontro da euroliga 1 disputado en Norrkoping (Suecia). Por todo iso, o Aldasa non fallou e anotouse un claro triunfo (70-46) para despedirse da súa afección co sorriso nos labios.

O primeiro cuarto foi unha toma de contacto, aínda que moi pronto os locais demostraron están enchufados, cun xogo rápido e combinativo e unha consistente defensa. De aí que pronto se abrise a primeira brecha no marcador a favor do Amfiv (10-3, min.5). Non obstante, un tempo morto do Mideba serviu para que os visitantes espertasen. Así, nun visto e non visto, a renda esfumouse e o primeiro parcial finalizaba co encontro de novo equilibrado (14-11, min.10).

A situación variou substancialmente no segundo período. Os pupilos de César Iglesias recuperaron o seu baloncesto rápido e alegre, con Lorenzo Envó repartindo xogo e asistencias aos seus compañeiros, e o marcador volvía inclinarse do lado vigués (22-13, min.12). O Mideba unicamente tiña o recurso de Cano para seguir vivo (24-17, min.14) pero acusou e moito un parcial de 12-3 no que só foi capaz de anotar dende a liña de tiro libre (36-20, min.19) para marchar ao intermedio co partido moi costa arriba (36-22, min.20).

Pero o precedente da semana anterior ante o Amivel, un choque que os vigueses tamén dominaban ao descanso pero deixaron escapar nun pésimo último cuarto, invitaba a prudencia. Por iso, a concentración do Aldasa na reanudación do partido foi máxima. Aos primeiros catro puntos consecutivos dos extremeños respondía un triplo de Envó (39-26, min.22) para iniciar outro demoledor parcial de 12-2 que deixaba o choque xa visto para sentenza (51-28, min.28). Porque nesta ocasión o tempo morto do Mideba non serviu para nada e a renda seguiu crecendo ata o final do cuarto (59-31, min.30).

Quedaban dez minutos de trámite e para gozar aínda que despois de tres minutos sen anotar, Iglesias parou o partido para evitar que se repetise o 22-6 encaixado no último cuarto a semana anterior en Málaga. O toque de atención esta vez si tivo o efecto desexado, a pesar de que os primeiros puntos do Aldasa neste período aínda tardaron outros dous minutos en chegar. Foi primeiro grazas a un tiro libre de Shawn Russell e logo cun lanzamento de Bernabé Costas (62-36, min.35). Así, os nervios desapareceron e o Aldasa continuou gozando da súa festa de despedida ante a súa afección, colocando mesmo a renda nos trinta puntos grazas a dúas canastras consecutivas de Agustín Alejos (66-36, min.37). Por iso, os últimos instantes unicamente serviron para que o Mideba maquillase lixeiramente a súa derrota e para ver como Alberto Abalde anotaba dous tiros libres sobre a bucina (70-46, min.40) na mellor despedida posible da tempada ante a súa afección do Aldasa Amfiv.

ALDASA AMFIV-MIDEBA 70-46

ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (14), Santi Comesaña (-), Lorenzo Envó (13), Julio Vilas (8), Shawn Russell (17) -cinco inicial-, David Rodarte (2), David Mouriz (6), Agustín Alejos (4), Moncho Pombo (-), Vicky Alonso (4), Alberto Abalde (2).
MIDEBA BADAJOZ: Muñoz (2), Brancas (7), Watari Horie (8), Cano (25), Angulo (2) -cinco inicial-, Eusebio Romero (2), Coello (-), Xurado (-).
PARCIAIS: 14-10, 36-22 (descanso), 59-31 e 70-46 (final)
ÁRBITROS: A. Mulet e J. González Marqués. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á vixésimo primeira xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas.