Cabecera Vide

Txema Avendaño: "O Amfiv sempre pelexa por un título europeo, a ver se este ano chega"

txema1O Aldasa Amfiv presentou na mañá de onte á súa primeira fichaxe para a tempada 2011-2012, o novo pívot bilbaíno Txema Avendaño, nun acto no que o club vigués tamén presentou a outro dos membros do corpo técnico para esta campaña, Sergio González, a súa campaña de promoción das escolas deportivas e anunciou o principio de acordo para a incorporación do pívot turco Omar Gurkam e a solicitude presentada para organizar a fase final de algunha das competicións europeas.

José Antonio Beiro, director deportivo do Aldasa, desvelou que Avendaño xa fora obxecto de interese en anteriores tempadas. "Xa a campaña pasada intentamos fichalo pero Toledo adiantóusenos. Nesta ocasión, ao desaparecer o Fuhnpaiin e contando no equipo con David Mouriz e Bernabé Costas, cos que xa coincidiu no Barcelona, as cousas foron máis doadas", revela Beiro, quen enxalza as calidades dun "xogador que foi dúas veces campión de Europa e subcampión do mundo, que só ten vinte e trés anos e que fai bos números aínda que non dispoñía de moitos minutos. Vainos achegar experiencia a pesar da súa xuventude".

A incorporación de Sergio González completará o novo corpo técnico do conxunto vigués, aínda que, tal e como recalcou o director deportivo do Aldasa, "seguirá vinculado ao Seis do Nadal, como responsable de coordinar os equipos federados e as escolas deportivas. De feito, temos que agradecer ao Seis do Nadal que nos facilitara a posibilidade de contar coa súa presenza no noso proxecto. Como lles sucedía a Julio Bernárdez e Óscar Carbajo afronta este reto con respecto ao proceder do baloncesto a pé pero é novo e desborda ilusión e eses son dous valores moi importantes. Sempre é agradable sumar xente ao club e, sobre todo, se son persoas de baloncesto, novas e con ganas como é o caso de Óscar Carbajo e do propio Sergio".

A presentación serviu tamén como posto de longo da campaña de promoción das escolas deportivas do Amfiv para esta nova tempada. "Imos facer un esforzo moi grande para potenciar as nosas escolas deportivas e continuar así coa filosofía coa que se creou o club hai case trinta anos. Ademais de ter o equipo de elite, queremos dar servizo a todas as persoas minusválidas para que poidan facer deporte", recalca Beiro.

Iso si, o máximo responsable deportivo da entidade espera que "dende as institucións competentes nos dean facilidades para poder desenvolver esta actividade dúas ou tres días por semana, como solicitaramos ao finalizar a pasada tempada. Cremos que todos os nenos deben ser iguais e non entendemos por que os rapaces con minusvalidez non poden facer deporte dous ou tres días por semana como o resto dos mozos".

Ademais, Beiro aproveitou a presenza de Sergio González na comparecencia para sinalar tamén que "imos explorar distintas vías de colaboración co Seis do Nadal. Por exemplo, a través dunha excelente iniciativa como é Linco, dedicando un día ao mes ou cada dous meses ao baloncesto en cadeira de rodas".

Esta aposta responde á convicción no seo do Amfiv de que "tan importante ou máis que o primeiro equipo, o que xoga na elite, son as escolas e esperamos poder seguir con esa idea".

Mentres, a primeira fichaxe do Aldasa para a próxima campaña, Txema Avendaño, desvelou que a súa fichaxe foi sinxela. "Cando me chamou o director deportivo, me puxen en contacto con David Mouriz e Bernabé Costas, me falaron moi ben da cidade e do equipo e non tiven dubides", desvela o novo pívot, que espera "axudar a mellorar os problemas que o Amfiv tivo a tempada pasada no xogo interior e contribuír a gañar partidos".

O día antes de comezar o traballo de pretempada, Avendaño destacou que "estou a desexar empezar, a pesar de que levo todo o verán traballando pola miña conta para non perder a forma. Máis ou menos xa coñezo case todos os compañeiros de xogar contra eles, ademais de que con Mouriz, Costas e Julio Vilas xa coincidín noutros equipos".

O novo pívot nacido en Bilbao, que aínda non tivo tiempo a coñecer en profundidade a cidade pero asegura que "aínda que é bastante máis grande que Toledo, onde xogaba o ano pasado, non me custará adaptarme", móstrase prudente na competición doméstica pero máis ambicioso na cita continental. "Na Liga hai dous ou tres equipos ante os que non poderemos facer fronte por presuposto e xogadores pero co resto debemos dar a cara e ser competitivos. En Europa o Amfiv sempre realizou grandes actuacións, loitando por conseguir un título, e espero que este ano sexa o definitivo e se poida conseguir algo. Ogallá sexa así", desexa Avendaño.

O acto serviu igualmente para que o club vigués anunciase outras dúas novidades. "Este martes mandamos á IWBF a solicitude para organizar a fase final dalgunha competición europea e esperamos que a resolución sexa favorable porque sería moi bo para a cidade, para o club e para os xogadores," apunta José Antonio Beiro, quen incide máis na vertente emocional que na económica desta petición. "Está claro que un pouco faise pensando en non gastar tanto en desprazamentos porque a IWBF aposta agora por facer promoción do noso deporte en países como Suecia, Polonia ou Israel e, a verdade, é que da medo só pensar en desprazarse ata alí polo desembolso económico que iso supón. Pero máis que este factor pesou na decisión o feito de que esta tempada é o trinta aniversario da creación do club e cremos que é importante poder organizar unha cita europea para celebralo", resalta o director deportivo do Aldasa, quen revela que "nós solicitamos por historia, porque temos unha espiña cravada con esa competición, na que fomos tres veces subcampions. Estou seguro de que se a xogamos, gañámola".

Por último José Antonio Beiro revelou outra noticia de actualidade do conxunto vigués. "Nos últimos días alcanzamos un acordo cun xogador turco chamado Omar Gurkan, aínda que algúns problemas co seu visado e co transfer están a atrasar todo un pouco", avanzou Beiro, quen achegou máis datos sobre o que pode ser a segunda fichaxe do Aldasa. "Vén do Galatasaray, vixente campión de Europa, onde era o cuarto pívot porque por diante del estaban tres dos cinco mellores xogadores do mundo. Trátase dun xogador moi novo e alto, de 2,12 metros de altura, e sabemos que os centímetros son moi importantes neste deporte. Penso que vai ser unha boa fichaxe, aínda que teremos que solucionar a dificultade de que non fale nin inglés nin, por suposto, español. Teremos que facer un curso rápido de turco", finaliza Beiro.