Despois de aterrar no aeroporto de Peinador o pasado domingo pola tarde, Bernabé Costas e Vicky Alonso reuníronse na tarde de onte co resto dos seus compañeiros para incorporarse ao traballo de pretempada do Aldasa Amfiv.
Fíxoo cun sorriso de orella a orella no caso de Berni, que logrou no Campionato de Europa celebrado en Israel a medalla de bronce coa selección española, clasificándose ademais para os Xogos de Londres 2012, e cun regusto amargo no caso de Vicky, que regresou co premio á máxima anotadora do torneo despois dunha sensacional actuación individual pero coa decepción de que o quinto posto final logrado polo combinado feminino non lle proporcionará o desexado billete a Londres.
Deste modo, Berni e Vicky tiveron onte o seu primeiro contacto co novo corpo técnico e coa, ata o momento, única incorporación do Aldasa Amfiv para a tempada 2011-2012, Txema Avendaño. A dirección deportiva, encabezada por José Antonio Beiro, traballa intensamente estes días para pechar definitivamente a incorporación do pívot turco procedente do Galatasaray Omer Gurkan, aínda que os problemas co seu visado están a atrasar máis do previsto inicialmente a súa chegada a Vigo. De feito, en principio estaba previsto que aterrase no aeroporto de Peinador este mesmo venres. Non obstante, complicacións co seu visado obrigaron a variar o seu plan de voo inicio, trasladando a súa chegada ao domingo grazas á excelente xestión de Karma Viaxes, a axencia de viaxes que xestiona todos os desprazamentos do Aldasa Amfiv. Iso sempre e cando finalmente se solucionen os problemas co seu visado para que Omer Gurkan poida estar o antes posible ás ordes de Julio Bernárdez.
Ademais, José Antonio Beiro intenta que o novo corpo técnico poida dispoñer tamén xa dende a próxima semana doutro novo xogador co que as conversacións se atopan moi avanzadas e que podería estar en Vigo xa este mesmo domingo.
Iso si, Bernárdez terá que arranxarllas unicamente co bloque de xogadores nacionais e un curto período de preparación para afrontar o compromiso da Copa Galicia, que se celebrará este sábado en Ferrol (17.30 horas) e no que os vigueses se medirán co Basketmi, conxunto da División de Honra B, posto que nin Omer Gurka nin a posible nova incorporación chegarán a tempo para ese choque.