Concello de Vigo    

Cabeceira Vide
andrevergauwen3Vigo verá por segunda vez na súa historia a Copa André Vergauwen, segundo torneo continental de clubs. Así o decidiu a IWBF-Europa, que concedeu a Copa de Campións a Istambul (10-13 de maio), a Willi Brinkmann a Rieti (26-29 de abril) e a Challenge Cup a Cantú (26-29 de abril).

Sete campañas consecutivas disputando competicións europeas, con seis participacións en fases finais incluídas, serviron para que o Aldasa Amfiv, trifinalista europeo, labrouse un nome dentro do baloncesto en cadeira de rodas continental. De feito, o conxunto vigués ocupa o vixésimo posto de 90 clubs europeos, no ranking anual dos seus equipos que elabora a Eurozona da Federación Internacional de Baloncesto en Cadeira de Rodas (IWBF-Europe). Por diante están só tres equipos españois (Fundosa ONCE, sexto; Fundación Grupo Norte, oitavo; e Mideba Badaxoz, décimo terceiro).

As excelentes actuacións na Copa Willi Brinkmann, da que o Amfiv foi tres veces subcampión (2006, 2008 e 2010), e os resultados na competición doméstica (subcampión de Copa en 2006, terceiro en Liga en 2008) colocan ao club mixto entre a elite da Vella Europa. Porque a entidade presidida por Pablo Beiro, paralímpico en Seúl 88 e Barcelona 92, garantiuse por méritos propios gozar da súa oitava tempada seguida medíndose aos mellores conxuntos.

Pero o club vigués vivirá en 2012 un ano especial, un emotivo aniversario ao cumprirse tres décadas desde que no xa afastado 1982 un grupo de intrépidos amigos axuntou forzas, enerxía e ilusión para dar vida ao Amfip (agora Amfiv) coa intención de potenciar ao minusválido físico a través do deporte. Hoxe en día esa esencia inicial sigue viva a través das escolas deportivas. O primeiro equipo, desde o seu histórico ascenso á máxima categoría en 2002, viviu unha progresiva profesionalización para adaptarse aos novos tempos dun deporte que crece moi rápido.

Precisamente, ese trixésimo aniversario da creación do Aldasa provocou que a xunta directiva local apostase decididamente por solicitar á IWBF a organización dalgunha das fases finais por clubs, entendendo que un evento de tal calibre é a mellor forma de celebrar os trinta anos de vida da entidade. Neste campionato poderase render unha merecida homenaxe a todas as persoas que durante este tempo pasaron polo club.

Moitas cidades na poxa. A competencia foi durísima porque outros vinte e un equipos, entre eles o vixente campión da Liga española, o Fundación Grupo Norte de Valladolid, solicitaran igualmente a organización dunha cita europea. Con todo, a experiencia en grandes eventos, tras organizar xa con notable éxito en Vigo a fase final da Copa Willi Brinkmann en 2006 e a da Copa André Vergauwen en 2009, así como a onomástica da entidade viguesa foron decisivos condicionantes que xogaron a favor do Amfiv. De feito, en 2009 a IWBF considerou que a mobilidade (transporte), un dos asuntos que sempre ven con lupa, fora aprobada con nota. Na fase final participarán sete equipos por decidir e o Amfiv. A Vergauwen é a segunda competición continental.

"Para nós é un orgullo e unha responsabilidade que o máximo organismo europeo do baloncesto en cadeira de rodas volva confiar no Amfiv para organizar unha cita tan importante como esta. A Copa André Vergauwen permitiranos gozar en Vigo do 26 ao 29 de abril coa presenza de sete dos mellores equipos do continente, que antes terán que gañarse unha praza nesta cita nunha fase previa que se celebrará do 8 ao 11 de marzo en distintos puntos de Europa", destaca Pablo Beiro, quen cumpre igualmente trinta anos á fronte do club.

Falar coas institucións. Beiro espera agora que a importancia da organización da fase final da Copa André Vergauwen non pase inadvertida nin para as institucións nin para as empresas. "Embarcámonos nesta aventura e confiamos en contar cos apoios necesarios. Nos vindeiros días empezaremos a falar con Xunta, Deputación e Concello para ver a súa disposición a colaborar connosco e desexamos tamén que poida aparecer algún patrocinador que poida axudarnos tamén a cubrir os gastos da organización para que gozar desta festa sen que supoña un problema para a economía do noso club", avanza o presidente do Amfiv.

Vigo vivirá vinte partidos de competición europea en catro días cunha vantaxe engadida: á nómina de pavillóns actuais incorporouse en 2010 o Multiusos de Navia, un moderno polideportivo. En 2006 e 2009, Bouzas e As Travesas capitalizaron a copa europea.