Cabecera Vide

Rida Maataoui, internacional marroquí, a derradeira fichaxe do Aldasa Amfiv

rida1O Aldasa Amfiv terá este ano o grupo de traballo máis cosmopolita da súa historia, despois de fichar a un xogador turco, outro iraní e, agora, a Rida Maataoui, internacional por Marrocos.

O cadro técnico vigués ultima os detalles do primeiro compromiso ligueiro, que terá lugar este vindeiro sábado ás 18.00 horas en Málaga ante o Clínicas Rincón Amivel. E para este encontro haberá unha nova. As negociacións que estaba levando a cabo o director deportivo, José Antonio Beiro, para pechar unha última incorporación que completase o grupo chegaron a bo porto, e o internacional marroquí Rida Maataoui chegou na noite deste martes ao aeroporto de Peinador procedente de Rabat. Na mañá de onte superou con éxito a revisión médica no hospital Nuestra Señora de Fátima (imaxe das probas), trámite imprescindible antes de selar a súa vinculación co conxunto vigués.

"Estamos moi contentos de poder concretar a incorporación de Rida Maataoui, aínda que, lamentablemente, non puidemos pechar antes a súa fichaxe e a súa chegada a Vigo porque se atopaba disputando o Preolímpico africano coa súa selección", resalta Chechu Beiro, o máximo responsable deportivo do Aldasa. De feito, Maataoui quedou a un paso de conseguir clasificarse para os Xogos de Londres 2012 co combinado marroquí ao caer na gran final ante Suráfrica (83-54).

Os informes que manexa Beiro sobre a derradeira incorporación do Aldasa reflicten que "trátase dun xoven xogador que nos vai a achegar máis centímetros na zona posto que mide 1,95 pero que conta cunha boa man para lanzar desde media ou longa distancia. A súa puntuación, ao tratarse dun xogador clase 3,5, vainos a permitir múltiples e interesantes combinacións cos quintetos". Ademais, Maataoui conta co aval do ex xogador do Amfiv e compañeiro seu na selección marroquí, Najib Essahiri. "Falamos sobre el con Najib e deunos moi boas referencias. De feito, a pasada tempada xa estivo na órbita do desaparecido ONCE Andalucía, que adestraba o noso ex técnico Abraham Carrión, quen tamén nos pasou un informe positivo sobre Rida", recalca o director deportivo local.

Agora, os esforzos de Beiro céntranse en conseguir tramitar a tempo toda a documentación para que Julio Bernárdez poida dispor xa do seu novo pupilo no choque deste sábado en Málaga. En principio, todo apunta a que se non xorden complicacións co seu "transfer" internacional, Rida Maataoui estará a disposición do corpo técnico do Aldasa no seu primeiro partido ligueiro.