Cabecera Vide

Vitoria do Aldasa Amfiv en Bouzas nun amigable no parón ligueiro pola competición europea

aldasa-apd paredes1O Aldasa Amfiv aproveitou a fin de semana sen competición na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas pola disputa das fases previas europeas para celebrar un encontro amigable ante o APD Paredes, un conxunto luso de recente creación.

A diferenza de potencial entre un equipo que está a iniciarse aínda no baloncesto adaptado e outro coa tradición do Amfiv, que esta tempada celebra o seu trixésimo aniversario, quedou patente xa dende o asubío inicial.

Con todo, a cita resultou moi positiva para o adestrador vigués Julio Bernárdez, que aproveitou para repartir moito o protagonismo e premiar especialmente aos xogadores que ata o momento estaban dispondo de menos minutos durante a campaña para intentar que todos os seus pupilos estean a lume de biqueira e plenamente integrados na dinámica de xogo nesta recta final de tempada.

E os xogadores responderon. Así, no primeiro cuarto, foron Alberto Abalde e, sobre todo, Rida Maataoui os encargados de encarrilar o triunfo vigués, grazas tamén á xenerosidade dos seus compañeiros, especialmente David Mouriz e Txema Avendaño, que os buscaban constantemente. Os portugueses, mentres, cun notable problema de altura, sufrían cada punto que subía a pesares da rapidez e bos xeitos do seu base, Correia. Por iso, ao rematar o primeiro cuarto o partido xa estaba decidido (25-6).

Pero Bernárdez non quería que os seus xogadores baixasen o listón posto que pretendía converter o partido en algo útil, aínda que co choque xa encarrilado era imposible evitar certa relaxación (42-19, min.20).

Tras o intermedio, o Aldasa volveu apertar un pouco en defensa, encaixando unicamente cinco puntos no terceiro cuarto. Un terceiro cuarto no que, ademais, o técnico local fixo debutar a José Ramón, un novo xogador procedente das escolas do Amfiv e que nas vindeiras semanas incorporarase aos adestramentos do primeiro equipo. Precisamente, esa mellora defensiva provocou que a diferenza continuase incrementándose (58-24, min.30) e o derradeiro cuarto xa si se converteu nun trámite.

No Aldasa, todos os xogadores que saltaran á pista conseguiran anotar. Dende os 17 puntos do marroquí Maataoui ata os 2 de Samuel Rodríguez. Só faltaba o debutante José Ramón e niso centraron os seus esforzos os pupilos de Bernárdez. Primeiro estivo a piques de conseguilo nun tiro lateral que non entrou por pouco e finalmente logrouno anotando o tiro libre que deixou o marcador no 71-32 final.

Ficha técnica

71. Aldasa Amfiv (25+17+16+13): David Mouriz (8), Alberto Abalde (6), Txema Avendaño (12), Samuel Rodríguez (2), Rida Maataoui (17) -cinco inicial-, Julio Vilas (6), Morteza Gharibloo (9), Santi Comesaña (4), Vicky Alonso (2), Moncho Pombo (4) e José Ramón (1).
32. APD Paredes (6+13+5+8): J.P. Correia (9), P. Barroso (2), F. Silva (13), A. Ribeiro (4), C. Cardoso (-) -cinco inicial-, R. França (4), H. Freitas (-) e F. Pinto (-).
Parciais: 25-6, 42-19 (descanso), 58-24 e 71-32 (final).
Árbitros: Jorge Marqués y J. González. Sen eliminados.
Incidencias: Encontro amigable disputado no Pavillón de Bouzas.